O prazo para anotarse acabará o 5 dese mesmo mes
Laura Moure/Vila de Cruces
O goberno de Xuntos está emocionado de retomar novamente unha tradición, que á súa vez "é un aprecio aos nosos maiores coa Festa da Xuntanza Dos Maiores de Vila de
Cruces, que debido á pandemia tívose que cancelar estes dous últimos anos, por tanto a edición que se celebrará este ano será a XXIX".

A concelleira Mireya Otero, responsable de Facenda, estivo traballando ao longo destes días para conseguir que a Festa dos Maiores de Vila de Cruces teña un custo alcanzable aos petos dos pensionistas, "a pesar das grandes subidas de prezos que estamos a observar día a día en todos os produtos, incluídos a cesta da compra, e ela conseguiu rebaixar o prezo en dous euros, quedando para os maiores de 60 anos en 10 euros en lugar dos 12 euros de anteriores edicións.
A cita será o xoves 18 de agosto nas Insuas de San Ramón en Gres. A celebración empezará coa recepción dos asistentes a partir das 12:00 horas, para dar paso ás 12:15 a unha actuación musical, co Grupo de Gaitas Punteirolo. Ás 13:30 horas oficiarase unha misa campestre previa á comida. O menú estará composto por empanada, polbo, carne ó caldeiro e sobremesa, ademais de bebidas e café.
Seguidamente ás 16;30 horas homenaxearase, como todos os anos, ao home e a muller de máis idade. Ás 17:00 horas comezará o baile nesta edición que recupera esta tradición de
homenaxe e unión de todos os nosos maiores. Poderanse comprar as entradas no consistorio desde o día 18 de xullo ata o 5 de agosto de 10:00 a 14:00 horas.
As persoas de 60 ou máis anos empadroadas en Vila de Cruces deberán abonar 10 euros, mentres que as de maiores de 15 deberán pagar 20 euros. Os nenos de 9 a 14 anos abonarán 10 euros e 0 a 9 anos poderán gozar da celebración de maneira gratuíta. Non se venderán entradas o día da festa nin tampouco unha vez finalizado o prazo, o día 5 de agosto.
Comentarios