A Xunta reivindica en Agolada a importancia da remuda xeracional na artesanía
- Laura Moure

- hace 27 minutos
- 3 min de lectura
José González destacou que o Corazón da Artesanía constitúe o principal escaparate anual da artesanía galega e un espazo estratéxico para visibilizar o talento dos profesionais, favorecer novas oportunidades de negocio e seguir espertando vocacións
Laura Moure/Agolada
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, inaugurou este venres a décimo terceira edición de Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, unha cita organizada pola Fundación Artesanía de Galicia que reunirá ata este domingo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada a profesionais do sector, produtores alimentarios e público xeral arredor dos oficios tradicionais e da creación artesanal galega.

Durante a intervención —na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro— destacou que este encontro constitúe o principal escaparate anual da artesanía galega e un espazo estratéxico para visibilizar o talento dos profesionais, favorecer novas oportunidades de negocio e seguir espertando vocacións entre as novas xeracións.
Neste sentido, incidiu en que a artesanía é moito máis ca un elemento de identidade e patrimonio cultural, xa que representa tamén unha oportunidade de emprendemento, un motor de creación de emprego e unha actividade con capacidade para dinamizar a economía local, fixar poboación e contribuír ao desenvolvemento territorio, especialmente no rural.
PUBLICIDADE
Co obxectivo de garantir a continuidade dos oficios tradicionais, lembrou que a Xunta puxo en marcha este ano, por primeira vez, unha liña específica dotada con 1 M€ dentro da orde de Primeira Experiencia Profesional destinada á formación de aprendices en oficios tradicionais e cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro. Unha iniciativa que se suma a programas xa consolidados como Aprender da tradición. Oficios e técnicas ou Artesanía na Escola, orientados a preservar o coñecemento artesanal e facilitar a incorporación de novos profesionais ao sector.
O conselleiro salientou, ademais, que eventos como Corazón da Artesanía son fundamentais para reforzar a competitividade dos obradoiros galegos, promover a marca Artesanía de Galicia e favorecer a creación de sinerxías con outros ámbitos como a moda, a decoración, a arquitectura ou a gastronomía, abrindo novas oportunidades de mercado e contribuíndo á proxección da artesanía galega tanto dentro como fóra da comunidade.
Así mesmo, reafirmou o compromiso da Xunta cun sector integrado na actualidade por preto de 800 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía. Neste marco, lembrou que entre 2009 e 2025 o Goberno galego destinou máis de 29 M€ ao impulso da artesanía e que para este ano 2026 prevé investir arredor de 1,6 M€.
PUBLICIDADE
Corazón da Artesanía
A décimo terceira edición de Corazón da Artesanía reúne este ano a 50 artesáns e artesás de 24 oficios, entre os que se inclúen os 12 docentes responsables dos cursos especializados e dos obradoiros de iniciación abertos ao público. Entre os oficios representados figuran a xoiería, a olería, a elaboración de instrumentos musicais, a fabricación de zocos e zocas, a marroquinería, o téxtil, a cantería, o bordado, a tornería, a cestería, o traballo da madeira e do papel, a forxa, as colareiras, os xoguetes ou os labores de palla.
A programación complétase coa participación de máis de trinta expositores de alimentación gourmet que contan coa acreditación de diferentes selos de calidade, como Artesanía Alimentaria, IXP Mel de Galicia, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Castaña de Galicia e as DO Ribeiro ou Rías Baixas.
PUBLICIDADE
Así mesmo, haberá cursos especializados, obradoiros participativos, demostracións en directo, actuacións musicais e showcookings ao abeiro do programa Artesanía no Prato, que une o traballo de artesáns e chefs galegos (NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO DA MOSTRA).









Comentarios