top of page

A Xunta pon en valor a Eferro Foliada como unha experiencia que une cultura, tradición e lingua

A cita será o 12 de setembro na parroquia cruceña de Merza


Laura Moure/Vila de Cruces

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentaron o festival Eferro Foliada 2026, que se celebrará o vindeiro 12 de setembro en Merza, na zoqueira Eferro Zocos, unha nova edición que volve situar o rural galego como escenario e motor de cultura, dinamización económica e atracción turística, nunha reivindicación do potencial do rural galego para crear cultura, atraer visitantes e preservar a identidade propia.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou a capacidade de Eferro Foliada de converter a contorna rural nun espazo de encontro no que se combinan música, arte, gastronomía, artesanía, tradición e actividades para todos os públicos, cunha “fórmula que encaixa coa aposta de Turismo de Galicia por diversificar a oferta, crear novas experiencias e poñer en valor os recursos culturais, naturais e etnográficos propios de cada territorio”.


Esta iniciativa naceu da man da artesá Elena Ferro, terceira xeración unha familia especializada na elaboración de zocos de madeira, e da Asociación Cultural Zoqueira de Merza, coa finalidade de dinamizar o rural a través da cultura, atraer visitantes ás pequenas localidades e reivindicar a lingua e as manifestacións culturais propias de Galicia.


O director de Turismo de Galicia subliñou a traxectoria de Elena Ferro ao conseguir “transformar a percepción dun produto tradicional asociado ao traballo do campo e convertelo tamén nun complemento con novos deseños sen renunciar ao coñecemento artesanal transmitido durante xeracións”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A programación de 2026 desenvolverase ao longo de toda a xornada na contorna da casa-taller de Eferro, de maneira que os asistentes poderán non só gozar das actividades organizadas, senón tamén coñecer de preto o espazo creativo e o proceso tradicional de elaboración dos zocos.


En edicións anteriores, a iniciativa foi capaz de reunir arredor de 4.000 persoas, demostrando a capacidade do rural galego para acoller propostas culturais con capacidade de convocatoria e proxección máis aló do propio territorio. Para esta edición está prevista, ademais, unha ampliación do espazo que permitirá triplicar a capacidade de acollida respecto da edición anterior.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A Eferro Foliada incorpora tamén unha clara dimensión de defensa e promoción da lingua galega e das manifestacións culturais propias, entendendo a cultura como unha ferramenta para atraer persoas ás pequenas localidades e reforzar o sentimento de pertenza.


Esta aposta pola cultura e pola identidade local encaixa coa maneira na que Turismo de Galicia presenta as celebracións tradicionais: como espazos de encontro, identidade e hospitalidade capaces de converter cada recuncho do territorio nun atractivo para visitantes.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page