top of page

A Xunta pon en marcha o Programa de inspección ambiental para 2026

O obxectivo "é garantir o cumprimento da normativa sectorial vixente"


Ecos da Comarca/Xeral

A Xunta de Galicia pon en marcha o Programa de inspección ambiental para 2026 que ten como obxectivo garantir o cumprimento da normativa sectorial vixente a través de visitas a diferentes instalacións e actividades susceptibles de afectar negativamente ao medio ambiente da Comunidade. Este programa, que se enmarca no Plan de inspección ambiental de Galicia 2025-2030, conta con cinco ámbitos de actuación en función do suxeito que se someta a vixilancia: instalacións con autorización ambiental integrada (AAI), traslado de residuos, xestores de residuos, vertedoiros e outras actividades.


A través destes cinco plans específicos de traballo preténdese conseguir unha maior eficiencia na inspección, comprobando que as distintas instalacións cumpren coa normativa sectorial vixente e centran os seus esforzos en evitar ou, cando isto non sexa posible, reducir e controlar a contaminación sobre os distintos vectores ambientais.

A previsión deste programa é que os inspectores ambientais da Xunta leven a cabo unhas 300 actuacións que requiren un maior coñecemento técnico. Esta estimación inclúe as inspeccións programadas e as non programadas. Estas últimas son aquelas que se realizan preceptivamente -previas ao outorgamento dunha autorización-, de oficio -cando se recibe información de feitos que poden provocar danos no medio-, de xeito reactivo -cando existe unha denuncia- ou por seguimento -para comprobar a corrección de desviacións atopadas nunha inspección anterior-.


Por outra banda, os axentes da Unidade de Policía Nacional adscrita á Comunidade (UPA) tamén colaboran na execución deste programa de inspección ambiental e teñen previsto realizar máis de 300 inspeccións planificadas. Neste caso, a súa acción centrarase no subprograma de vertedoiros e, en concreto, nos puntos de vertido incontrolados de residuos. A maiores, tamén farán inspeccións non planificadas, que, na maior parte dos casos, terán como obxecto a comprobación das condicións de almacenamento e xestión de residuos.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

De forma complementaria, este programa inclúe tamén un plan transversal de xestión da calidade da inspección ambiental que busca a mellora continua dos procesos de inspeccións que permitan adaptarse as novidades normativas e optimizar os recursos dispoñibles e a eficacia do esforzo.


O Plan de inspección ambiental de Galicia 2025-2030, que define as liñas estratéxicas e o marco de actuación a seguir nese período, desenvólvese a través de sucesivos programas anuais, como o deseñado para 2026, para ter un control sobre as actividades implantadas no territorio e as repercusións que estas poidan ter sobre o medio ambiente e a saúde.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Cómpre lembrar que no período de vixencia do anterior Plan de inspección ambiental (2019-2024) realizáronse un total de 7.940 visitas. Só o 14% das inspeccións derivaron en sancións e case o 60% das instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación incrementaron o grao de cumprimento da súa autorización ambiental. No caso destas empresas, nas máis de 800 inspeccións levadas a cabo só nun 7% atopáronse desviacións moi relevantes para o medio ambiente.


Ademais, constatouse unha mellora xeneralizada do cumprimento ambiental por parte dos sectores obxecto de inspección —talleres, depósitos de chatarra, puntos limpos...— e unha diminución dos puntos de vertidos incontrolado (PVI) de residuos en Galicia.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page