A Xunta cárgalle ao Concello de Rodeiro a responsabilidade de atopar os dons da Tulla de Fafián
- ecosdacomarca

- hace 4 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
A solicitude do BNG para adquirir a Tulla de Fafián e cederlla ao Concello de Rodeiro non foi tomada en conta pola Dirección Xeral de Cultura, que se escusou "na propiedade privada do ben patrimonial para anunciar que non tomará medidas ate que, dende a administración local, localice aos propietarios, botando así balóns fóra".
O debate da Tulla de Fafián, sita en Rodeiro, leva alongándose durante anos, coa loita incansable de veciños e veciñas para conseguir a súa protección como BIC. Malia esa declaración, feita no mes de maio do 2025 a conservación deste ben patrimonial continúa sen materializarse. A deputada Ariadna Fernández reclamaba na comisión de Cultura e Patrimonio atención para a comarca do Deza e Tabeirós, exemplificando o desleixo da administración ao respecto dos bens patrimoniais con casos coma o do Hórreo de Ribela, o Mosteiro de Carboeiro ou o Pazo de Bergazos. Segundo os nacionalistas “que se declare un BIC en Galiza non implica o seu especial coidado, temos bastos exemplos, un deles o da Tulla, que rematará caendo mentres agarda que quen ten as competencias tome man dela. A Xunta non ten a intención de manter de pé a nosa identidade, o noso patrimonio, queda claro coa súa falla de interese e inmobilidade” declaraba a deputada ao saír da comisión tras ensinar unha imaxe do BIC onde non se percibía practicamente nada ao estar cuberto de vexetación.

Ás acusacións por parte do Director Xeral de ter votado en contra no pasado dende o BNG a nivel municipal para que o concello de Rodeiro adquirira a Tulla de Fafián, Fernández lembrou que “os concellos de pequeno tamaño están evidentemente infrafinanciados, non tería sentido adquirir a Tulla se iso vai implicar que o SAF non se poida prestar, se o punto de atención á infancia non pode atender a crianzas e familias de
Rodeiro ou se hai que restar servizos básicos á poboación”. Non considera de recibo que
se lle dea a escoller ao Concello entre manter a Tulla en pé ou atender aos veciños e
veciñas. Acusou, asemade, ao goberno galego "de cargar ao lombo dos concellos xestións
e competencias que non son capaces de levar a cabo e que non lle corresponden, e que
nese medio tempo o noso patrimonio vai desaparecendo “entre as silvas” para “reducirse
a montóns de pedras que non fomos capaces de conservar para as xeracións vindeiras
como as anteriores nos fixeron chegar a nós” engade Fernández recoñecéndose decepcionada, mais non sorprendida, coa actitude de “desinterese total” por parte da
Consellería de Cultura.
Publicidade
Considera a deputada do BNG que “non hai compromiso de diálogo nin colaboración que sexa capaz de tapar a incapacidade absoluta da Xunta de conservar o noso patrimonio, que parece ser unha desgraza para quen nos goberna”. Dende o BNG insisten en que non van deixar de reclamar a atención e o investimento necesario para a súa riqueza cultural e patrimonial, parte da nosa identidade como galegos e galegas.







Comentarios