A Xunta autoriza a contratación por máis de 55,6 M€ do helicóptero sanitario que cubrirá horario nocturno
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 3 min de lectura
O 061 contará cun novo helicóptero coa capacidade e tecnoloxía para atender enfermos de noite e en condicións meteorolóxicas adversas
Ecos da Comarca/Xeral
O Consello da Xunta autorizou o luns a contratación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por un importe de 55,6 millóns de euros e un valor estimado de 66,8 millóns para os vindeiros oito anos.
Entre as novidades que incorporará o novo contrato destaca que fará posible que a sanidade pública galega conte, por primeira vez, cun helicóptero do 061 dispoñible en horario nocturno, que terá base en Santiago. Así, a previsión é que, tras un período de transición de 20 meses, a empresa adxudicataria incorpore unha aeronave con capacidade e tecnoloxía para atender enfermos tanto de noite coma en condicións meteorolóxicas adversas.

Ademais, o novo contrato de transporte sanitario urxente aéreo suporá un incremento das horas anuais de prestación do servizo. A Consellería de Sanidade abriu a finais do pasado ano un proceso de licitación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo que tivo que ser declarado deserto tras presentarse unha única oferta que non resultou admitida.
O Consello da Xunta autoriza agora a apertura dun novo procedemento para a súa adxudicación coa previsión de que o servizo poida entrar en funcionamento con numerosas melloras no último trimestre deste ano. O servizo seguirá a estar coordinado pola Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que durante o ano 2025 levou a cabo 820 mobilizacións das aeronaves, para dar unha resposta rápida e axeitada ás urxencias sanitarias na nosa Comunidade. No que vai de ano os recursos aéreos da sanidade pública galega rexistraron máis de 324 mobilizacións.
PUBLICIDADE
Estas cifras reflicten a importancia do transporte sanitario aéreo da Xunta, un servizo que constitúe un complemento de especial valor para o sistema sanitario público e para a atención integral dos pacientes. O transporte e a asistencia sanitaria aéreos inclúen o uso de dous helicópteros, con base en Santiago de Compostela e en Ourense, así como as tripulacións especializadas e a loxística necesaria para o seu desenvolvemento. Melloras cuantitativas e cualitativas O novo contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo incluirá un conxunto de melloras de tipo cualitativo e cuantitativo.
Así, a incorporación dos voos nocturnos a partir do vixésimo primeiro mes de contrato suporá a ampliación do número de horas efectivas anuais deste servizo asistencial. Neste sentido, o helicóptero con base en Santiago de Compostela, unha vez cumprido ese prazo, verá estendida a súa actividade ao pasar do actual horario, de orto a ocaso, ata un servizo de 24 horas continuadas.
PUBLICIDADE
Pola súa banda, o helicóptero con base en Ourense contará cun servizo de atención continuada dun máximo de 12 horas. Entre as melloras de tipo cualitativo que prevé o novo contrato, unha vez finalizado o período de transición, inclúese o uso de aeronaves de maiores prestacións que as actuais, o que aumentará a seguridade e o confort das tripulacións e dos pacientes. Tamén prevé unha bolsa de horas que permita aumentar o número de horas efectivas de voo; a tramitación da certificación das helisuperficies que permita o seu uso, tanto diúrno coma nocturno; ou o uso de combustible ecolóxico, para favorecer o coidado do ambiente.
Ademais, o novo contrato incorpora melloras nas medidas de control da prestación deste servizo e en relación con posibles incumprimentos da operatividade das aeronaves. Establecerá un sistema de penalidades máis severo e proporcional que o actualmente vixente para garantir a mellor prestación do servizo sanitario urxente aéreo aos pacientes que o precisen.








Comentarios