As obras consistirán no reforzo da plataforma de varias pistas da capital dezá, a mellora de camiños en Vistuíde e a dotación da nova pavimentación en diversas vías da Gouxa
Asistentes á reunión telemática.
Laura Moure/Deza
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, anunciou onte, nunha reunión telemática, que a Consellería do Medio Rural vén de aprobar tres Plans de Infraestruturas Rurais (PIR) para os concellos de Lalín, Rodeiro e Dozón cun investimento de 120.683euros.
Estas actuacións, orientadas ao acondicionamento de espazos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos propios do campo, acaban de ser adxudicadas -segundo lles trasladou a representante autonómica aos alcaldes de Rodeiro e Dozón, Luís López e Adolfo Campos, e ao concelleiro lalinense José Cuñarro- co obxectivo de que poidan executarse proximamente tan pronto como se cumprimenten os trámites administrativos do contrato e mellore a climatoloxía.
Os proxectos aprobados consistirán en tratamentos superficiais e reforzo da plataforma en varias pistas do Concello de Lalín (36.299 euros), a mellora de camiños no lugar de Vistuíde, na parroquia rodeirense de San Cristovo de Az (36.299 euros) e a dotación de nova pavimentación en varias vías da Gouxa, no Concello de Dozón (48.085 euros).
Estas tres actuacións son as proxectadas ao abeiro do PIR deste ano para a bisbarra do Deza e compleméntanse coas recollidas recentemente no Plan Marco, orientado tamén a obras de similares características e que inclúe cinco proxectos noutros tantos municipios cun investimento global de 280.683 euros. Entre os mesmos figuran as melloras de camiños agrícolas en Lalín (78.454 euros), o vial Negreiros - O Castro de Silleda (65.293 euros), a actuación na contorna do Vilar da Uceira en Vila de Cruces (47.229 euros), a reforma da pista Vilameá - A Lama en Rodeiro (57.527 euros) e o acceso a parcelas agrícolas de Dozón (32.180 euros), mentres que o Concello de Agolada perdeu o dereito á súa asignación de case 57.000 euros por cuestións alleas á Xunta. En total, o departamento autonómico destina, entre ambos plans, máis de 401.000 euros nesta bisbarra para as infraestruturas rurais.
Comments