A Xunta apoia as demandas dos agricultores e gandeiros sobre a PAC e o acordo UE-Mercosur
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Os responsables do Goberno autonómico explicaron a postura de rexeitamento de Galicia ante a nova proposta da Política Agraria Común a partir de 2028 por supoñer unha perda de fondos e non blindar todas as políticas actualmente divididas
Ecos da Comarca/Xeral
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantiveron este martes en Ourense unha reunión con representantes da Asociación do Sector Primario de Galicia. No encontro, os responsables do Goberno galego reiteraron o apoio da Xunta aos agricultores e gandeiros galegos e explicaron a posición do Executivo autonómico en cuestións como o acordo UE-Mercosur ou a futura Política Agraria Común (PAC).

Así, a respecto do Mercosur, a Xunta comparte co sector o criterio de que os produtos agroalimentarios de terceiros países deban cumprir os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os comunitarios, para non supoñer unha competencia desleal fronte o rigor dos produtores europeos en eidos como o da sustentabilidade.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

En relación coa futura PAC, a Xunta expuxo a postura de rexeitamento de Galicia ante a nova proposta da Política Agraria Común a partir de 2028, por supoñer unha perda de fondos, postura que se ten defendido tanto ante o Ministerio de Agricultura como en Bruxelas en sucesivas ocasións desde que se coñeceu a proposta. Estímase que esta redución de orzamento sería de polo menos o 20 %, o que suporía uns 80 millóns de euros anuais menos para o rural galego.
Ademais, considérase que se trata dunha proposta cun foco centralista, ao dispoñer dun fondo único para os estados membros que substituirá os dous piares diferenciados que existen na actualidade e que garanten medidas con repercusións moi beneficiosas para Galicia, como poden ser os programas de desenvolvemento rural. Uns fondos que, coa nova proposta, non quedarían garantidos.
Publicidade
Neste sentido, o director xeral da PAC lembrou tamén que dende a Consellería do Medio Rural se lles propuxo aos membros do Consello Agrario a inmediata posta en marcha dunha comisión de traballo no seo deste órgano para actuar de xeito coordinado e defender o sector primario galego nas negociacións para concretar o Marco Financeiro Plurianual 2028-2032.
Publicidade
Dermatose nodular contaxiosa
Sobre outra das preocupacións manifestadas polos gandeiros, como é a dermatose nodular contaxiosa (DNC), a Xunta insiste en reclamar ao Ministerio de Agricultura máis coordinación, para levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades, e que lidere no marco da UE unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva. Ademais, de rexistrase algún foco en Galicia, o que se pide son indemnizacións contundentes.








Comentarios