"A Xunta anuncia medidas mentres persiste o fracaso na xestión das faixas de protección contra os lumes"
- ecosdacomarca
- hace 11 horas
- 3 Min. de lectura
Interior Galego Vivo manifesta a súa fonda preocupación ante o último anuncio da Xunta de Galicia sobre novas actuacións en materia de prevención de incendios forestais
Ecos da Comarca/Xeral
Interior Galego Vivo manifesta a súa fonda preocupación ante o último anuncio da Xunta de Galicia sobre novas actuacións en materia de prevención de incendios forestais. "O Goberno galego presenta como novidade aquilo que, na práctica, levamos décadas sufragando sen resultados palpables: brigadas municipais que supoñen un gasto medio anual de arredor de 38 millóns de euros, pero non logran corrixir as graves deficiencias estruturais na xestión do risco", recalca.

Segundo as análises efectuadas pola plataforma:
Cada ano, a través de convenios coas entidades locais, destínanse en torno a 27 millóns de euros para a contratación de brigadas municipais de prevención e extinción.
Os concellos, pola súa banda, asumen máis de 6,5 millóns adicionais en maquinaria, reparacións, EPIs, cursos e tribunais de selección. Un cofinanciamento que se suma a moitos outros que o PP fai recaer sobre a administración social.
A isto engádense subvencións específicas para prevención (uns 3,9 millóns de euros) e proxectos piloto puntuais, que elevan o impacto económico anual a uns 38,4 millóns de euros.
Porén, o problema de fondo segue sen abordarse, sinala:
"Numerosos concellos carecen de convenio con SEAGA, polo que non dispoñen dun instrumento operativo para a xestión das faixas de protección. Amais, “as faixas non poden ser iguais en todos sitios”, declara Tamara Balboa de Vilardevós-Interior Galego Vivo, “haberá en Concellos que chegan 50 metros e en outros faran falta 150, se os lumes saltan autovías, na nosa zona unha faixa de 50 metros non fai nada”.
Existen plans municipais de prevención que son simples “corta e pega” ou, directamente, non están aprobados nin aplicados. Outros exclúen os camiños públicos de titularidade municipal sendo directamente papel mollado.
Non se incoan expedientes nin sancións cando os propietarios incumpren a obriga legal de limpar as súas parcelas, trasladando á cidadanía un risco que a administración non controla nin fai cumprir. Onde raramente se incoan non se executan as limpezas e se repercuten en quen incumpre a lei, polo que o réxime sancionador fica en auga de castañas".
Publicidade
Para Interior Galego Vivo, "o reiterado anuncio de “novas medidas” sen unha auditoría seria da eficacia das existentes non é máis que un parche comunicativo que non resolverá a raíz do problema: a descoordinación estrutural entre Xunta, concellos e propietarios, a falta de control e seguimento efectivo das obrigas legais, e unha estratexia centrada no gasto, non nos resultados". A plataforma IGV insta á Xunta de Galicia a:
1.- Publicar con transparencia a listaxe completa de concellos adheridos e os resultados reais obtidos en cada un.
2.- Revisar de forma independente a eficacia das brigadas municipais, avaliando se a súa actividade ten impacto real na prevención.
3.- Implantar un sistema áxil de control, incoación e sancións que garanta o cumprimento das faixas de protección en tempo e forma.
4.- Evitar que os concellos teñan que facer fronte a numerosos gastos (tribunais de selección, EPIs, maquinaria...). Tampouco actualizan os plans anualmente como marca a normativa
5.- Coordinación efectiva con SEAGA e co conxunto das entidades locais para evitar baleiros administrativos que deixan zonas enteiras en situación de risco.“Non se trata de gastar máis, senón de xestionar mellor. O que Galicia necesita non é outro anuncio, senón un cambio de rumbo valente e eficaz que garanta, dunha vez por todas, a protección real das persoas, das aldeas e do noso patrimonio natural”, declara Rubén Fernández de Xuntos por Chandrexa, integrante de Interior Galego Vivo.
NOTICIA RELACIONADA:
Alfonso Rueda anuncia que a Xunta acometerá o reforzo de bases e dos medios aéreos para os lumes: https://www.ecosdacomarca.com/post/alfonso-rueda-anuncia-que-a-xunta-acometer%C3%A1-o-reforzo-de-bases-e-dos-medios-a%C3%A9reos-para-os-lumes
Comentarios