top of page

A Xunta amplía ata 2030 a moratoria do eucalipto e introduce dúas flexibilizacións

Permitiranse novas plantacións para substituír aquelas xa existentes, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas ou frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75% do eucalipto que había na inicial


Ecos da Comarca/Xeral

A Xunta ampliará ata o 2030 a moratoria do eucalipto, acompañando esta decisión dunha serie de medidas "de flexibilización para favorecer a sustentabilidade do sector forestal galego, aumentar a produtividade e loitar contra o abandono". Así o explicou esta tarde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo; e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.


Desta forma, segundo indicou Gómez, reforzarase a aposta da Xunta "por impulsar unha maior produtividade das plantacións de eucalipto, co fin de producir máis e mellor en menor superficie, pero procurando un equilibrio do recurso que favoreza un sector forestal

sustentable, tanto desde o punto de vista económico como social e ambiental".

ree

As medidas de flexibilización quedarán recollidas na Lei de medidas que acompaña aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026. En primeiro lugar, permitiranse novas

plantacións de eucalipto para substituír aquelas xa existentes, sempre e cando a parcela

inicial se transforme a coníferas ou frondosas e a superficie da nova repoboación non

supere, con carácter xeral, o 75% do eucalipto que había na inicial. O outro 25% debe ser

obrigatoriamente completado por coníferas ou frondosas.


Cómpre aclarar, tal e como sinalou a conselleira, que esta posibilidade xa existía

actualmente, pero a partir de agora introdúcense dous cambios fundamentais: establécese unha porcentaxe específica para esa nova repoboación e, a maiores, permítese que se poida alcanzar un acordo entre titulares diferentes. “É dicir, do que estamos falando é de que, como ata o de agora, se poidan levar a cabo substitucións das masas de eucalipto, especialmente daquelas máis degradadas como marca o Plan Forestal, para incrementar a súa produtividade; e, ao mesmo tempo, favorecerase que, ou ben o mesmo titular ou ben entre titulares diferentes, poidan redistribuír as plantacións por outras zonas do territorio nas que estea permitido segundo a lexislación sectorial correspondente, pero con menos superficie”, aclarou.



 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Apoio ante as enfermidades do piñeiro

Outra medida de flexibilización centrarase en favorecer unha alternativa para aqueles propietarios de plantacións de piñeiro (Pinus radiata) gravemente afectadas pola banda

marrón. Así, durante unha quenda de corta, permitirase a plantación de eucalipto nun máximo do 50% da superficie de piñeiro eliminada, debendo reforestarse o outro 50%

restante con calquera especie de coníferas ou frondosas permitidas. Despois da quenda

de corta, a persoa titular queda obrigada á plantación de coníferas ou frondosas.


Trátase dunha medida puntual, explicou Gómez, para dar solución a unha situación excepcional provocada por un problema fitosanitario grave, como é a banda marrón. A

maiores, “desde a Consellería seguiremos actuando para frear o avance desta enfermidade no piñeiro, axudar a tratala e investigar sobre posibles melloras xenéticas

resistentes a ela, cun investimento de 1,4 millóns de euros”, destacou.


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Plan Forestal de Galicia

Asemade, a titular de Medio Rural trasladou que este paquete de medidas reforzarase con

outras encamiñadas a consolidar as previsións e obxectivos do Plan Forestal. Así,

fomentarase a eliminación dos eucaliptos da Rede Natura que sexan posteriores á

regulación que os prohibe nestes espazos e tamén se intensificará a erradicación desta

especie nas faixas secundarias, as más próximas ás vivendas, consonte ao reforzo do

convenio de defensa das aldeas asinado coa Fegamp e a empresa pública Seaga. A

maiores, recordou que a Xunta "seguirá fomentando as frondosas e as coníferas, como o

vén facendo dende hai xa tempo".


En resumo, o obxectivo desta nova proposta sobre a ordenación forestal do eucalipto é

que os propietarios poidan producir máis e mellor, pero en menor superficie. Tal e como

remarcou a conselleira, trátase de “conseguir o máximo aproveitamento forestal do recurso

ao mesmo tempo que se segue protexendo e diversificando o monte e se loita contra o

abandono.”



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page