top of page

A Xunta advirte ao sector gandeiro da importancia de alegar sobre a situación do lobo

Ángeles Vázquez advirte de que o procedemento de información pública aberto polo Executivo central en relación co informe sexenal da especie é un procedemento non previsto regulamentariamente e co que só se busca prolongar o proceso de remisión dos datos á Comisión Europea


Ecos da Comarca/Xeral

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, remitiu onte unha carta a distintas organizacións agrogandeiras de Galicia animándoas a presentar alegacións ao trámite de información pública aberto polo Goberno central en relación co informe sexenal sobre o estado de conservación do lobo que debe enviarse a Bruxelas. A responsable autonómica advirte de que as aportacións do sector son vitais para mostrar a realidade da especie e frear a pretensión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de declarar, de xeito totalmente arbitrario, que o seu estado é desfavorable.


Ángeles Vázquez explica na misiva que o procedemento iniciado polo Executivo central -con prazo para a presentación de suxestións ata o vindeiro 27 de maio- non está previsto regulamentariamente e que semella unicamente unha nova medida dilatoria coa que dificultar a adopción dunha posición consensuada sobre o estado de conservación do lobo, baseada nos datos oficiais achegados polas comunidades autónomas, pois conclúen que a súa situación é favorable.

Unha situación que se dá ademais nun momento no que o Goberno central acumula case un ano de retraso no envío dos informes sexenais á Comisión Europea pois tiña de prazo para remitilos ata o 31 de xullo do ano pasado e non o fixo. Esa dilación, precisamente, xa motivou que a Comisión Europea abrise un procedemento de infracción contra o Reino de España por incumprimento da Directiva Hábitats.


A conselleira lamentou que o Ministerio abre este procedemento de información pública escudándose en que atende “ao interese suscitado en relación cos datos do lobo” e para contar “con aportacións de interese na toma de decisións” co fin de recompilar argumentos cos que reforzar as súas teses ideolóxicas e defender ante Bruxelas que o estado de conservación da especie é desfavorable, polo que precisaría dunha maior protección. 


Interpretación subxectiva

A responsable autonómica sinala na carta que a documentación asociada ao proceso de información pública son unha serie de informes elaborados polo Ministerio que pretenden argumentar que o estado de conservación do lobo en España é desfavorable. Estes documentos parten dunha interpretación subxectiva dos datos dispoñibles baseada en criterios extrabiolóxicos alleos á metodoloxía europea e que non se corresponden nin coa realidade obxectiva da especie no territorio nin cos datos remitidos polas comunidades autónomas.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Ángeles Vázquez aclara que a realidade da especie é moi diferente á que pretende dar a ver o Goberno central pois os datos oficiais dispoñibles reflicten “inequivocamente” unha evolución positiva da especie en España durante as últimas décadas. De feito, desde unha perspectiva exclusivamente ecolóxica, o lobo presenta actualmente unha dinámica expansiva, unha capacidade reprodutiva elevada, unha funcionalidade ecolóxica plena e unha viabilidade demográfica tanto a medio como a longo prazo. Por estes motivos, o seu estado de conservación debería ser considerado favorable.


Iso é o que defenden Galicia e o resto de comunidades lobeiras, que presentaron un informe propio -incluído tamén no proceso de información pública- e reclamaron en varias ocasións a convocatoria da Conferencia Sectorial para aprobar un documento que reflicta a situación real da especie -favorable- e remitilo a Bruxelas.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A conselleira lembra que en territorio galego nos últimos dous anos -2024 e 2025- rexistráronse unha media de 2.019 avisos por ataques de lobo, o que supón un incremento do 72% en relación cos 1.174 do ano 2021, cando o Goberno central incluíu, de forma unilateral e totalmente arbitraria, a especie no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Na mesma liña, as reses afectadas aumentaron un 55%, ao pasar de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nos últimos dous anos, o que supón unha media de nove animais atacados ao día.


Por iso, a representante da Xunta conclúe que a actuación do Ministerio vai en contra do equilibrio entre a protección do lobo e a viabilidade da actividade gandeira. O Executivo central prima o primeiro sobre o segundo obviando completamente as consecuencias socioeconómicas que a presenza do lobo no territorio ten nas explotacións gandeiras.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page