top of page

A Xunta activa a alerta laranxa para hoxe por chuvia na provincia da Coruña e por vento na Mariña lucense

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)



Ecos da Comarca/Xeral

A Xunta activou para hoxe, venres 24, a alerta laranxa por chuvias na provincia da Coruña e por vento na Mariña lucense. Ademais, xa se activara o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.


Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activarase desde o mediodía de hoxe por chuvia no oeste e suroeste da Coruña por precipitacións acumuladas de ata 80 milímetros en 12 horas, mentres que na Mariña lucense agárdanse refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora.

Ademais, xa se activara o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro desde o mediodía de hoxe no noroeste e oeste da Coruña, estendéndose pola tarde ao suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra por ventos do sur ou suroeste de forza 8 e mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata seis metros.


Debido a un fenómeno meteorolóxico adverso por vento de nivel laranxa nas zonas da Mariña de Lugo e a montaña de Ourense, a Comisión Escolar de Alertas acordou suspender hoxe as actividades no exterior dos centros educativos radicados nestas zonas. Os concellos afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia. Trátase de 15 concellos na Mariña e 19 na Montaña de Ourense. Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade que se realicen no exterior nestas zonas, así como o a actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados polo temporal costeiro.


A Xunta lembra a necesidade de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.


Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page