A voceira do grupo do PP de Rodeiro denuncia a “absoluta parálise” do Concello
- ecosdacomarca

- hace 6 minutos
- 3 min de lectura
Fala de "obras de 2025 sen iniciarse, pistas estragadas, abandono do colexio e as instalacións deportivas e sen rozas anti-lumes"
Ecos da Comarca/Rodeiro
A voceira do grupo municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, vén de denunciar, co gallo do terceiro aniversario da investidura de José Luis Camiñas e da conformación do goberno bipartito, a “absoluta parálise que está a sufrir o Concello, con graves consecuencias directas para os veciños, por ter obras doutras administracións aprobadas en 2025 sen iniciarse, afrontar o verán coas pistas totalmente estragadas, o abandono do colexio e as instalacións deportivas, a precariedade e a lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) tras perder 180.000 euros da Xunta ou o risco para a xente e o territorio por ser un dos dous únicos municipios da provincia sen convenio con Medio Rural para acometer rozas de prevención de lumes".

“Este segundo bipartito de esquerdas leva tres anos sen arrancar, lembrándonos tristemente ao anterior que sufrimos en Rodeiro, cun José Luis Camiñas que nin xestiona nin lidera, pero o do último ano está a ser terrible, co diñeiro concedido por outras administracións, principalmente a Deputación, sen empregarse ou con diñeiro ofertado pola Xunta que se deixou pasar simplemente por non ser solicitado. Estamos ante unha situación política moi crítica”, manifesta a concelleira popular.
En primeiro lugar, lamenta que "os 463.753 euros do +Provincia 2025 teñan as obras contratadas e sen iniciarse, o que impide a mellora de pistas en Santa Baia, Fafián (Trasulfe e Vilachá), San Salvador (A Parrocha, Eirexe-Xabalde e Xabalde- Bagarelas), Negrelos (Lama de Mena e Vilameá) e O Az (Vilameá-San Cristovo)".
Nesta mesma "liña de parálise", a edil indica, "que o remate do centro de uso asistencial, orzamentado en 1,1 millóns de euros e para o que Deputación e Xunta concederon 650.000 euros, segue sen ter pechado o financiamento 456 días despois de que a Deputación aprobara o investimento de 500.000€ e hai serio risco de que se perdan os cartos sen facer a obra polo posible incumprimento dos habituais prazos de xustificación".
PUBLICIDADE
“Entre os cartos paralizados e os perdidos supéranse os 1,5 millóns de euros, unha cifra que demostra a gravidade do momento, e ademais co risco, dada a mala situación actual do goberno local, de que se perdan máis fondos e oportunidades”, sinala Somoza, que tamén asegura que "as labores de mantemento do colexio están sen atender a as instalacións deportivas atópanse totalmente esquecidas".
Así, concretou que "as pistas de pádel foron inauguradas o 1 de maio de 2025 e nin sequera van poder ser utilizadas no verán de 2026, mentres que o pavillón, tras unha reforma da cuberta con 200.000 euros conseguidos pola anterior xestión do PP, leva tres invernos de filtracións, pingueiras e entrada de importantes cantidades de auga que impiden o seu uso normal".
PUBLICIDADE
Continuando coas obras "mal executadas", Cati Somoza menciona a reforma da rúa B, "con importantes eivas que provocan un novo desaproveitamento de fondos provinciais, mentres que tamén lamentou cuestións que non se activan nin se executan, como a limpeza do lago do río, a reparación da práctica totalidade das pistas do rural, que se atopan estragadas e moi deterioradas, o acondicionamento das parcelas do polígono ou as rozas de prevención de lumes malia que Rodeiro xa sufríu tres pequenos conatos a pasada primavera".
Finalmente, a voceira do PP tamén lamenta que o Concello leve todo o mandato sen uns orzamentos actualizados e afronte "xa o seu cuarto exercicio consecutivo sen unhas contas –de gran importancia dado o incremento dos prezos dos materiais, dos salarios e do custe dos servizos– tras lembrar que José Luis Camiñas sostivo que era unha auténtica prioridade". “Cremos que ou non saben facer un orzamento, ou hai graves desacordos entre eles sobre as partidas, ou o que resultaría máis preocupante aínda, hai falta de traballo e de compromiso coa planificación económica do concello; polo que, aínda que prexudique aos veciños e falten á súa palabra, temémosnos que imos rematar o mandato sen proxecto económico que, ao final, é síntoma claro da parálise xeralizada do Concello”, concluíu.








Comentarios