"A verdadeira discriminación eran as peaxes que o PP puxo na AP-53 e non a supresión dunha liña de bus"
- ecosdacomarca
- 11 abr
- 2 Min. de lectura
A socialista lalinense Alba Forno lembra que "a Xunta eliminou ducias de conexións en bus coas cidades e intercomarcais que afectaron a centos de lalinenses, pero o PP calou”
Ecos da Comarca/Xeral
A concelleira socialista, Alba Forno, cualificou de “pouco hábil” e a posición do Partido Popular, que escolleu precisamente o día en que entran en vigor os descontos históricos na AP-53 para afirmar que o PSOE “discrimina” a Lalín ao suprimir unha parada de bus estatal que apenas empregan os lalinenses. “É sorprendente a torpeza política de Crespo e de Souto. De entre os 365 días do ano, elixen precisamente hoxe, o día en que entra en vigor unha medida histórica para Lalín, para dicir que se senten discriminados. A verdadeira discriminación foi a que nos puxo o PP cunha peaxe de 70 anos que era un auténtico roubo a man armada”, sinalou.

Forno explica que para “superar o trauma de que Feijóo perdese as eleccións Crespo dedícase a montar polémicas artificiais contra o Goberno central”. “Durante todo o 2024 ao redor de 300 persoas usaron a parada en Lalín, o que dá unha media de menos dunha ao día. Non sabemos se o senador Crespo era un deles e por iso ten tanto interese, ou se prefire ir a Madrid no AVE que trouxo Pedro Sánchez e que é unha alternativa máis rápida, máis barata e máis sostible”, ironizou.
Alba Forno acusou ao PP de aplicar a coñecida “lei do embudo”: “mentres se lanzan a criticar ao Goberno central por unha supresión baseada en criterios técnicos de eficiencia e usabilidade, gardan absoluto silencio diante do verdadeiro desastre da xestión da Xunta de Galicia en materia de transporte público”. A edil sinalou que a Xunta eliminou ou modificou ducias de liñas que conectaban Lalín con cidades como Pontevedra, A Coruña ou Santiago, ademais de suprimir frecuencias dentro do propio concello que deixaron sen conexión aos veciños do rural co casco urbano. Como exemplo, apuntou o caso da liña a Vila de Cruces, que pasou de ter catro frecuencias diarias a só dúas, eliminando a dos venres. Lembrou tamén que o PP de Lalín eliminou as axudas para o transporte de estudantes. “Isto si que prexudica e discrimina gravemente á mobilidade da veciñanza e non a eliminación dun bus a Madrid para o que hai mellores alternativas, pero sobre isto o PP cala”, denunciou.
Publicidade
Tamén lembrou que o Pleno de Lalín aprobou unha proposta do PSOE para que a Xunta
adaptase os horarios dos autobuses cara a Ourense para que coincidisen co AVE, sen que ata o momento se tomase ningunha medida ao respecto. “Isto afecta moito máis á mobilidade real da cidadanía de Lalín que suprimir unha parada na que moitos días non
subía ninguén”, subliñou Forno, quen tamén lembrou que a reestruturación das liñas estatais de autobús non é un capricho do PSOE, senón unha decisión baseada en criterios
técnicos, de eficiencia, sostibilidade e rendemento.
A concelleira lamentou que, ante a falta de ideas, o PP de Lalín siga "obsesión enfermiza contra o Goberno central, chegando ao punto de repetir mocións ou facer propostas como a dun apeadeiro do AVE en Botos que rexeitaba o propio PP cando gobernaba Rajoy".
Comentários