A Valedora do Pobo advirte ao Concello de Dozón e á Xunta pola falta de informes sobre a nova residencia
- ecosdacomarca

- hace 20 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón
Tras a denuncia do veciño de Dozón Mario Vila presentada o pasado 24 de febreiro a Valedora do Pobo, esta enviou unha nova comunicación oficial con data de 27 de abril denunciando a falta de colaboración das administracións implicadas. Deste xeito, vén de reiterarlle tanto ao Concello de Dozón como á Consellería de Política Social a necesidade de que lle remitan, coa maior brevidade posible, un informe detallado sobre os pormenores do contrato de construción e xestión da futura residencia para maiores que está a edificar a empresa Coviastec no municipio.

O organismo tomou esta decisión despois de admitir a trámite as queixas presentadas por Mario Vila, quen denuncia unha posible vulneración “do dereito á protección social da poboación rural, ao non incluír cláusulas de reserva para os habitantes locais”, segundo expón. A pesar da solicitude formal, ambas administracións superaron o prazo de 15 días establecido para o envío da documentación requirida, o que motivou esta nova reclamación por parte da institución.
PUBLICIDADE
Na súa demanda, Vila solicita que o Concello de Dozón “revise o contrato ou asine un convenio anexo que inclúa esa reserva de prazas e unha cota de bonificación para os residentes dos municipios”, co obxectivo de garantir que a veciñanza da contorna teña acceso preferente ao servizo.
Do mesmo xeito, insta á Xunta de Galicia a que o arraigamento territorial “sexa un criterio de prioridade absoluta nas prazas concertadas”, defendendo así unha maior protección para a poboación rural nun recurso esencial como é a atención ás persoas maiores.
PUBLICIDADE
A situación mantense agora á espera das explicacións das administracións implicadas, mentres a Valedora do Pobo insiste en esclarecer un asunto que esperta preocupación entre a veciñanza.
Máis información: https://www.ecosdacomarca.com/post/un-veci%C3%B1o-de-doz%C3%B3n-leva-%C3%A1-valedora-do-pobo-o-contrato-da-nova-residencia-de-maiores








Comentarios