top of page

"A trampa da moratoria do eucalipto da Xunta: non hai interese en reducir a superficie ocupada no país"

O SLG considera que "ampliar a moratoria aumentando a flexibilidade da mesma, sen vontade de facela cumprir e sen recursos para levar a cabo as medidas necesarias, non vai ter ningún efecto sobre a redución da superficie ocupada polo eucalipto na Galiza"


Ecos da Comarca/Xeral

O Sindicato Labrego Galego pronúnciase sobre o anuncio da Consellería de Medio Rural de que ampliará ata o 2030 a moratoria do eucalipto. O sindicato cuestiona esta decisión e fai distintas apreciacións.


"Durante a tarde do xoves soubemos que a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia ampliará até o vindeiro 2030 a moratoria do eucaliptoDende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) facemos as seguintes apreciacións".

ree

"En primeiro lugar, a decisión foi tomada sen ter en conta ao conxunto do sector, xa que non se convocou o Consello Forestal de Galicia para debater un tema deste calado. Seguindo a traxectoria desta conselleira de non convocar os órganos consultivos, como está a facer co Consello Agrario Galego -tema que levamos denunciando dende hai semanas e lanzamos unha campaña protagonizada por labregas e labregos do SLG para esixir, dunha vez por todas, a súa convocatoria-."


Ampliar a moratoria do eucalipto aumentando a flexibilidade da mesma, apunta, "sen vontade de facela cumprir e sen recursos para levar a cabo as medidas necesarias, non vai ter ningún efecto sobre a redución da superficie ocupada polo eucalipto na Galiza. Chega con ver a cantidade de hectáreas plantadas ilegalmente dende hai máis de unha década, aínda estando xa vixente a moratoria actual, e sobre as que a administración galega nunca actuou".


"Moitas destas hectáreas ocupan terras de uso agrícola, cando na Galiza temos unha SAU (Superficie Agraria Útil) para a produción de alimentos moi por debaixo da media estatal e europea. Un 20% na Galiza, fronte a datos próximos ao 40% no contorno da Unión Europea".


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Alén diso, cómpre advertir, sinala o sindicato," logo dos múltiples incendios que houbo na Galiza este verán e das consecuencias que supuxeron para a cidadanía galega, o medio ambiente e a nosa terra, o perigo que supón para o avance dos lumes de maior perigosidade aumentar a superficie de eucalipto. Non podemos esquecer o número de casas ardidas este ano e mesmo as mortes de persoas en incendios en zonas de eucaliptos como Chandebrito ou nos incendios de Portugal. Esta medida de aumentar superficie de eucalipto é contraditoria coa superficie desta especie prevista pola propia Xunta de Galicia. De feito, a propia Xunta, na Lei de Recuperación de Terra Agraria, comprometérase a aumentar a superficie agrícola para achegala á media estatal e europea, e agora semella que as medidas van en sentido contrario".


Doutra banda, considera que "esta ampliación fai fincapé no cambio de superficies entre distintos propietarios. E aquí cabe preguntarnos. Dentro destas permutas de superficie dedicada a eucalipto, van poder computar aquelas que proceden de plantacións ilegais? E as que están en Rede natura e nas franxas de protección contra incendios? Porque é preciso recordar que estas plantacións xa son de obrigada retirada por lei. Outra vez máis non hai interese en reducir a superficie ocupada por eucalipto no país".


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Dende o SLG-CCLL adverten que este intercambio de “dereitos de plantación” vai abrir un novo espazo de especulación coa terra no noso territorio. "Dende a nosa organización denunciamos que seguir afondando nunha política de monocultivos forestais, que tanto dano teñen feito á produción labrega, á biodiversidade, á fertilidade dos solos, ás masas de frondosas autóctonas e ás producións de calidade no monte galego e que incidiron de maneira desastrosa no abandono do rural e na lacra dos lumes forestais, é unha medida continuísta nas políticas do Partido Popular que están a destruír o rural galego".


Por último, apunta, "pensar que a substitución do piñeiro insigne por eucalipto vai ser a medida estrela que salve estas masas da afección de enfermidades e sexa un pulo para o sector industrial madeireiro, parécenos unha visión moi curta e sen volta atrás da cadea monte-industria. O que nos fai pensar que na Consellería faltan persoas con criterios técnicos e políticos para afrontar os retos futuros do monte galego e do noso medio rural".


NOTICIA RELACIONADA:


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page