A Trail da Carixa 2026 ten abertas as inscricións para unha edición con seis modalidades e 600 prazas
- Laura Moure
- hace 1 día
- 3 min de lectura
Laura Moure/Vila de Cruces
A organización da Trail da Carixa 2026 xa deu a coñecer o regulamento da próxima edición, que se celebrará os días 5 e 6 de setembro na praia fluvial da Carixa, en Vila de Cruces. O evento contará cun total de 600 prazas repartidas entre seis modalidades deportivas, consolidándose como unha das citas de referencia do trail running na comarca.
A programación inclúe a Trail individual de 22 quilómetros, a Trail por parellas, a Trail por relevos (13 + 9 quilómetros), a Trail Cadete de 9 quilómetros, unha andaina e a Pequetrail, destinada aos máis pequenos.
A xornada principal desenvolverase o domingo 6 de setembro. As probas de 22 quilómetros, tanto individual como por parellas e relevos, sairán ás 10:00 horas, ao igual que a andaina, mentres que a Trail Cadete dará comezo ás 11:30 horas. Todas elas terán saída e meta na praia fluvial da Carixa.

No referente ás prazas dispoñibles, a organización establece 200 dorsais para a Trail individual, 100 para a proba por parellas, 100 para os relevos, 50 para a Trail Cadete, 50 para a andaina e 100 para a Pequetrail.
Pequetrail o sábado
Como novidade xa consolidada, o sábado 5 de setembro, a partir das 11:00 horas, celebrarase a Pequetrail, con percorridos adaptados ás diferentes idades. Haberá un trazado de 500 metros para os Esquíos (2-6 anos), outro de 1 quilómetro para os Corzos (7-9 anos) e un terceiro de 3 quilómetros para os Xabaríns (10-14 anos). Todos os participantes recibirán premio.
PUBLICIDADE
Inscricións ata o 1 de setembro
As inscricións poderán formalizarse a través da plataforma CCNorte entre o 8 de maio e o 1 de setembro.
Os prezos establecidos son os seguintes:
Trail individual (22 km): 22 euros (25 euros desde o 15 de agosto).
Trail por parellas: 44 euros (50 euros desde o 15 de agosto).
Trail por relevos: 38 euros (42 euros desde o 15 de agosto).
Andaina: 18 euros (20 euros desde o 15 de agosto).
Trail Cadete: gratuíta.
Pequetrail: gratuíta.
A inscrición inclúe seguro de asistencia sanitaria e responsabilidade civil, bolsa do corredor, avituallamentos e os agasallos que consiga a organización.
A Trail individual contará cun percorrido de 22 quilómetros e 1.130 metros de desnivel positivo, mentres que a Trail Cadete terá 9 quilómetros e 460 metros de desnivel positivo.
Ao longo do percorrido instalaranse cinco avituallamentos situados en Fontao (km 5), Carboeiro de Francia (km 10), Praia Fluvial da Carixa (km 14 e meta) e Miradoiro da Fervenza do Toxa (km 18). A organización informa de que non haberá vasos nos puntos de avituallamento co obxectivo de reducir a xeración de residuos, polo que recomenda aos participantes levar o seu propio recipiente reutilizable.
PUBLICIDADE
Ademais, establécese un tempo de corte no paso pola praia fluvial da Carixa, no quilómetro 13, fixado ás 12:15 horas.
Trofeos e categorías
A proba repartirá trofeos aos primeiros clasificados das diferentes modalidades e categorías, tanto masculinas como femininas, así como ás categorías mixtas nas competicións por parellas e relevos. A andaina terá carácter non competitivo e non contará con premios.
A organización tamén entregará un agasallo especial ao equipo máis numeroso inscrito no conxunto das probas. "Na súa VII edición o trail da Carixa demostra ser unha proba con solvencia no palmarés galego amosando varias sorpresas. Unha delas é que os dous días da proba manterá unha colchoneta grazas á nova colaboración da empresa estradense Tikolandia) que aportará o seu bo facer cos máis cativos e cativas. Así mesmo, este ano a proba dá un xiro aportando no bolsa do corredor moreas de sorpresas de alta calidade que terán parte dos dous Concellos polos que trascorre, tanto de Silleda coas famosas rosquillas de Abades, como a mostra de queixos de Dona Cobiña e os chourizos gourmet de Cárnicas Mosquera. Tamén seguirán mantendo os premios dos queixos de Anzuxao (Lalín) e contara con premios de comidas no fogar de Breogán Lalín e cenas no restaurante Don Din (Vila de Cruces ). Grandes sorpresas tamén haberá por parte de Fisioterapia A Ponte, dos restaurantes A Esgalla, Bar Galicia, as panaderías Mazás, González, Léveda e Altamira e de Distribuciones Pampín. Deste xeito, dende o primeiro ata o último participante levará unha grata sorpresa. Tamén se contará este ano cun premio para o equipo máis numeroso que dará un colofón o gran día e os máis cativos terán o día do sábado para eles no que desfrutarán ao rematar dunha pequena merendola e de inchables", salienta a organización.




