A tradición oral e os contos protagonizan o vindeiro sábado 27 o XVII Día da Música de Silleda
- Laura Moure

- hace 10 horas
- 4 min de lectura
A Banda de Música Municipal e a Escola de Música organizan unha nova edición do certame, baixo o lema“Moito conto!”
Laura Moure/Silleda
O Día da Música volve a Silleda cunha edición dedicada á tradición oral, aos contos e á música como vehículo para compartir historias, emocións e cultura. Baixo o título “Moito conto!”, a Banda de Música Municipal de Silleda e a Escola de Música Municipal de Silleda organizan o vindeiro sábado 27 de xuño este evento que chega xa á súa décimo sétima edición.
A Carballeira das Pedrosas volverá ser o escenario dunha xornada aberta á veciñanza, ao alumnado, ás familias e ao público en xeral, cun programa que combina propostas musicais, narración oral, espectáculos familiares, actividades de convivencia e a participación de distintos colectivos e artistas convidados.
O Día da Música arrancará ás 11:00 horas cun pasarrúas da Banda de Música Municipal de Silleda polas rúas da vila. A continuación, ás 12:00 horas, terá lugar o festival de fin de curso da EMUSI, baixo o título “Érase unha vez…”, a cargo de Anxo Moure e do alumnado da Escola de Música Municipal de Silleda. Esta proposta reunirá distintos grupos da escola, como a banda infantil e xuvenil, a aula de Música e Movemento e o coro de nenos e nenas da EMUSI, nunha montaxe pensada para achegar a música ás idades máis novas a través da imaxinación, o xogo, o ritmo e as historias.
PUBLICIDADE
Ás 13:15 horas celebrarase a promoción e degustación da Festa do Lacón, que dará paso, ás 13:30 horas, á sesión vermú “Contos na lareira…”, con Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, e o profesorado da EMUSI. Nesta proposta, a palabra e a música daranse a man para reivindicar a tradición oral galega como parte esencial da nosa identidade, acompañada dunha selección de pezas vinculadas ao repertorio popular galego.
O xantar campestre está previsto para as 14:30 horas, continuando así co carácter de convivencia que mantén esta celebración dende as súas primeiras edicións. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, chegará un dos pratos fortes da xornada co concerto da Banda de Música Municipal de Silleda, que presentará “A Gata con Zocos…”, unha comedia musical a cargo de A Cova das Letras e da propia formación bandística. Trátase dunha proposta que revisita o conto tradicional de “O gato con botas”, recuperando a figura da gata e combinando literatura oral, música, títeres, humor e reivindicación da figura feminina.
A programación continuará ás 20:30 horas coa actuación “Contos con barullo”, a cargo de Nelson Quinteiro e da Aula de Música Tradicional da EMUSI, un espectáculo familiar cheo de ritmo, interacción co público, humor e música popular.
O remate da xornada chegará coa tradicional cea de confraternidade, prevista para as 21:30 horas, e coa verbena a cargo da charanga BB+, que comezará ás 00:30 horas.

O director da Banda de Música Municipal de Silleda, Rafa Agulló, xunto con Zaira Rozados, integrante da directiva, a alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura, Mónica González, presentaron onte o programa dunha cita que mantén como obxectivo socializar, compartir, educar e enriquecer musicalmente tanto ao alumnado como ás familias, ás persoas socias e á veciñanza en xeral. “O Día da Música continúa a medrar ano tras ano como unha das grandes citas culturais e musicais de Silleda, mantendo a súa esencia participativa e pedagóxica”, indicou Rafa Agulló. Tamén agradeceron a colaboración das entidades e institucións que fan posible esta celebración, entre elas o Concello de Silleda, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Semana Verde de Galicia,
a Festa do Lacón de Silleda, a ANPA Musiquiños e a Asociación de Amigos da Banda.
Pola súa banda, a alcaldesa, Paula Fernández, felicitou á Banda de Música Municipal e á Escola de Música por “seguir impulsando unha cita que xa forma parte da identidade cultural de Silleda e que cada ano consegue sumar música, convivencia, aprendizaxe e participación”, ademais de poñer en valor “o enorme traballo que hai detrás dunha xornada coma esta, na que se implican profesorado, alumnado, familias, músicos, artistas convidados e entidades colaboradoras”.
Dende a formación silledense elíxese cada ano unha temática para conmemorar esta efeméride, resaltando os valores da música como linguaxe universal. Nesta ocasión, “Moito conto!” convida a celebrar a forza das historias, da tradición oral e da música como ferramentas para manter viva a memoria colectiva.
PUBLICIDADE
Entradas para a cea
Para asistir á cea do Día da Música, as entradas poden recollerse en horario de tarde nas oficinas da Escola, situadas a día de hoxe no auditorio Semana Verde. O prezo é de 25 euros para maiores de 10 anos e de 15 euros ata 10 anos. O xoves 25 será o último día para a retirada.
Apertura de matrícula para o curso 26-27
Por outra banda, dende este luns día 15 tamén volverá a abrirse o prazo de matrícula para o vindeiro curso na Escola de Música Municipal de Silleda, que conta con centros tanto en Silleda como na Bandeira. Este primeiro pazo estará aberto ata finais de mes.








Comentarios