A tiktoker melidense Carlota Casal queda finalista nos Premios Youtubeiras+
- ecosdacomarca

- hace 13 horas
- 4 Min. de lectura
Laura Moure/Melide
Os Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras e gañadores. O pasado domingo no Teatro Jofre, deuse a coñecer o palmarés da novena edición deste certame que, organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo; e mais pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover e visibilizar a creación de contidos en galego nas redes sociais. Entre os finalistas quedou a tiktoker de Melide Carlota Casal (carlotaghatos).
"Carlota Casal participou en Ferrol na gala dos Premios Youtubeiras+, nominada na categoría de mellor canle. Finalmente o galardón non puido vir para Melide, pero aproveitamos para felicitala polo seu éxito e compartimos algunhas das imaxes que nos enviou do seu paso polo Teatro Jofre, onde tivo lugar o acto. Podedes seguir o contido que publica en TikTok na conta @carlotaghatos", destaca o Concello de Melide.

Durante a gala, a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, puxo en valor o papel das redes como espazo clave para a normalización lingüística e salientou que Youtubeiras+ se converteu nun referente para demostrar que o galego «vale para contar ciencia, literatura, cine, cociña, humor ou música, e para estar presente en todos os formatos e plataformas». Agra subliñou que o noso idioma debe ter presenza «no mesmo nivel e en igualdade de condicións ca calquera outra lingua» tamén no ámbito dixital.
A deputada destacou así mesmo a valentía das persoas creadoras que apostan polo galego na internet, mesmo fronte ás dificultades derivadas dos algoritmos e da consideración do idioma como minoritario, e asegurou que facer contido en galego nas redes sociais é «un acto de resistencia individual que se converte en colectivo cando existe unha comunidade que apoia, segue e comparte». Nese sentido, agradeceu a participación das canles concorrentes e o compromiso das persoas finalistas e premiadas por contribuír a que o galego «estea no mundo e non desapareza da Galiza».
Publicidade
Presentaron a gala Leila Fernández, membro da canle O faiado pódcast, e Carlos Vieito, integrante do proxecto Exército Mekemeke. A ela asistiron representantes das 28 canles finalistas. Ao longo da velada, deuse a coñecer o ditame do xurado, que nesta edición estivo conformado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
O Premio á Creación de Contidos levouno Konachadas. O xurado decidiu galardoar esta canle pola súa «calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade» para converter calquera temática «nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos».
O Premio á Mellor Canle distinguiu a Rodri Míguez. O xurado considerouno merecente do galardón «polo seu labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta».
O Premio ao Mellor Pódcast recaeu en Fóra de mapa pódcast por «usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras en forma de xanela coa que achegármonos ás culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional».
O Premio á Calidade Lingüística acadouno Patri Otero por, en palabras do xurado, «utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar».
O Premio Revelación foi para O búnker debuxos. O xurado salientou desta canle a súa capacidade de «sorprender e abraiar a través da animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida e unha volta a memes de noso».
O Premio Rede conquistouno ChutenMeme por conseguir, «a través do humor», xerar «novos lazos virtuais» e facer «medrar a comunidade dixital galega».
O Premio do Público, o único que non decidiu o xurado ao determinarse por votación popular telemática, foi para o vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que bateu a marca histórica do concurso e superou a colleita da edición anterior, na que participaron un total de 89 canles. O certame distingue o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na internet ao longo de 2025 e permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas. Esta foi a principal mudanza nas bases do certame, xa que na oitava edición só puideron participar canles con perfís en YouTube e TikTok.
RELACIÓN DE GAÑADORES/AS POR CATEGORÍAS
(Entre parénteses especifícase o concello de residencia das persoas creadoras)
Premio á Mellor Canle
Rodri Míguez (Redondela e Bueu)
Finalistas
Rogelio Santos Queiruga (Porto do Son)
antontisimo (@ant0ntisim0) (Burela)
carlotaghatos (Melide)
Premio á Creación de Contidos
Konachadas (concello de orixe: Viveiro; na actualidade reside en Rois)
Finalistas
Aradeira de súa (Ribeira)
@adochinto (Porto do Son e Santiago de Compostela)
@miguelblesta (Brión)
Premio ao Mellor Pódcast
Fóra de mapa pódcast (Meis e Vigo)
Finalistas
A ferida aberta no 36 (Santiago de Compostela)
Diversos pódcast (Ribeira)
Prendidísima (Santiago de Compostela)
Publicidade
Premio á Calidade Lingüística
@patriiotero (Santiago de Compostela)
Finalistas
daviidraamos_ (Cariño)
@diegoauxx (Vigo)
LongaLingua (Santiago de Compostela)
Premio Revelación
O búnker debuxos (Ferrol)
Finalistas
@langrans_ (Ourense)
Mareando o xogo (Malpica de Bergantiños, Costa da Morte)
@miradenovo (Bueu)
Premio Rede
ChutenMeme (Santiago de Compostela)
Finalistas
Descifrando a historia (A Cañiza)
Galiactiva (Ourense)
Noticias dispersas (Ourense)
Premio do Público
«Cada historia, unha vida». 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela (Culleredo)
Finalistas
«Caldo de repolo», de Pakolas. Música infantil en galego (Oleiros)
FICACOABOLA nuns cuartos de final de Conference League | O noso blog máis especial con Miki Villar!, de Fica coa bola (Pontevedra e Santiago de Compostela)
Os Bolechas van a servizos sociais, de ChutenMeme (Santiago de Compostela)








Comentarios