Sinala que "a única causa da demora é a súa incapacidade de xestión"
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira socialista de Lalín, Alba Forno, acusa ao alcalde de Lalín, José Crespo, de poñer "na boca do seu ventrílocuo, Avelino Souto, mentiras isultantes á intelixencia dos lalinenses sobre as verdadeiras causas da demora do orzamento municipal”. Sinala que “só unha obsesión patolóxica e delirante con Pedro Sánchez pode xustificar que culpen ao presidente de España de que en Lalín non vaia entrar en vigor o orzamento a día 1 de xaneiro”.
“A realidade”, engade, “é que a única causa da demorá é a deixadez absoluta e a falta de traballo dun goberno cheo de dedicacións exclusivas e con máis asesores que un ministerio”.
Publicidade
Forno lamenta que “Crespo, cunha vida enteira na política, teña que acudir na súa etapa final a un concelleiro coma Souto para mentirlles aos veciños e para dicir as barbaridades e mentiras que o alcalde non se atreve a dicir”. Así, a concelleira socialista sinala que non teñen absolutamente nada que ver os pagos do IDAE con que Lalín poida elaborar o seu orzamento. Reta ao alcalde a que cite en que orzamentos estatais viñan desglosados os pagos do IDAE ou outras subvencións do Estado a Lalín. “Estas axudas nunca se especifican, non afectan para nada ao orzamento municipal e asegurar o contrario é mentir, manipular ou non ter nin idea de orzamentos e administración”.
Publicidade
Alba Forno reclámalle a Crespo que “dedique máis tempo a facer traballar aos seus superasalariados concelleiros e menos a mentir en boca das súas personaxes”. Porén, insiste en que nos últimos plenos o alcalde fartouse a presumir de que as contas en Lalín entrarían en vigor o día 1 de xaneiro e mesmo formulou reunións para supostamente traballar no documento. “Vese que non fixeron nada e agora que asumen que non van ter orzamento a principios de ano bótanlle a culpa a Pedro Sánchez. Pensabamos que xa o tiñamos todo visto con este desgoberno, pero o batacazo das xerais deixounos tan aturdidos que só lles queda superar os seus propios límites da manipulación e o engano”.
Publicidade
A voceira do PSOE insiste en que a falta de orzamento "é outra mostra máis da neglixencia e incapacidade xestora dun executivo que patina en todos os temas importantes. Só así pode explicarse que, a pesar de ser un goberno en maioría plenaria e cos maiores soldos e persoal liberado da historia de Lalín non teñan aínda visos de presentar as contas".
Comments