A probabilidade de morrer por cancro de mama foise reducindo desde 1993, pasando dun 5,7 % ata o 1,8 %
- Laura Moure
- 21 oct 2024
- 3 Min. de lectura
A Xunta consolida o seu programa de detección precoz do cancro de mama ao constatar o seu impacto na redución das taxas de mortalidade
Laura Moure/Xeral
O Consello da Xunta de hoxe abordou un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade relativo á supervivencia ao cancro de mama en Galicia. Deste documento despréndese unha importante redución das taxas de mortalidade no período en que leva implantado o Programa galego de detección precoz do cancro de mama, posto en marcha pola Xunta no ano 1992. Tal e como se detalla no informe, o departamento sanitario galego realizou dous estudos para analizar as características, a supervivencia e evolución das mulleres con cancro de mama en Galicia.
A Consellería de Sanidade estudou, por unha banda, a supervivencia nas mulleres diagnosticadas a través do Programa galego de detección precoz do cancro de mama durante o período 1993-2020. Sanidade tamén estudou, a partir dos datos do Rexistro Galego de Tumores (Regat), a supervivencia a cinco anos de todas as mulleres diagnosticadas en 2015 e 2016, tanto a través do programa de prevención como fóra del, para, deste modo, complementar o estudo anterior e potenciar o valor deste rexistro como ferramenta na vixilancia do cancro.

Datos da supervivencia
Do estudo da supervivencia nas mulleres diagnosticadas no Programa de detección precoz entre 1993 e 2020 despréndese que esta porcentaxe se sitúa por riba do 80% aos 25 anos desde o diagnóstico, e que mellorou ao longo do tempo. Aos cinco anos sobreviven o 95,3 % das mulleres e, se o cancro de mama fose a única causa de morte posible, estarían vivas o 97 % delas. Cómpre remarcar a importante redución observada das taxas de mortalidade nas décadas que leva implantado o Programa de detección precoz da Xunta (1992). En concreto, a probabilidade de morrer por cancro de mama foise reducindo paulatinamente, desde un 5,7 % no primeiro período do estudo (1993-2007), ata o 1,8 % no último (2008-2020). Ademais, o 92 % dos casos foron diagnosticados en estadío 1 (62 %) ou 2 (30 %).
Ao respecto, a supervivencia para as mulleres en estadío 1 é do 99,6 % e do 62 % para as de estadío 4. A supervivencia no caso de afectación ganglionar é do 87 % aos 10 anos e do 97 % nas mulleres sen ganglios afectados. A mellora da supervivencia desde a implantación do programa de prevención da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia débese ao aumento dos tumores diagnosticados en estadío 1 (o cal forma parte dos obxectivos específicos deste) e ás melloras terapéuticas implantadas desde o inicio do período estudado.
Datos do Rexistro Galego de Tumores
Dos datos recollidos do Rexistro Galego de Tumores durante 2015 e 2016 despréndese que o 53 % dos cancros detectáronse por medio do Programa de detección precoz, o 20 % foron cancro de intervalo, é dicir, detectado despois dunha exploración negativa realizada polo programa e antes da seguinte exploración, e o 27 % diagnosticáronse á marxe do programa. A supervivencia ao cancro de mama do total de mulleres estudadas foi do 93 % aos cinco anos do diagnóstico. As mulleres diagnosticadas polo programa da Xunta presentaron mellores resultados de supervivencia aos cinco anos (97,8 %) que as diagnosticadas con cancro de intervalo ou á marxe do programa (88,6 % conxuntamente).
Os tres grupos de mulleres comparadas presentaron un perfil diferente en canto á idade e ás características tumorais. As ditas diferenzas xustificaron a mellor supervivencia nas mulleres cribadas no programa, xa que presentaron estadíos menos avanzados e cancros menos agresivos
Publicidade
Eficacia do programa e do REGAT
Os datos recollidos no informe abordado na reunión semanal do Goberno galego avalan a eficacia do Programa de detección precoz da Xunta, que está ben asentado, estruturado e monitorizado ao longo de todos os seus procesos, así como amplamente recoñecido pola poboación galega, xa que conta cunha ampla participación que supera o 80 %. Estes bos resultados tamén avalan a eficacia do Rexistro Galego de Tumores, altamente automatizado e que recolle información individual exhaustiva de todos os tumores que inciden na poboación galega.
Xunto co anterior, os datos demostran o esforzo e a coordinación dos profesionais da sanidade pública galega dedicados ao programa e ao rexistro de tumores, que inclúe 24 unidades de exploración mamográfica, tres unidades de avaliación radiolóxica e 14 unidades de diagnóstico e tratamento integradas nos hospitais do Sergas onde se realiza a valoración clínica adicional, ademais dunha unidade de rexistro de tumores.
A Xunta seguirá a traballar nos seus programas de detección precoz do cancro (mama, pulmón, cérvix, colorrectal, próstata), dado que se evidencia a súa repercusión na mellora da saúde da cidadanía galega. Tamén seguirá a mellorar o rexistro de tumores, onde xa se está a traballar na incorporación de novas fontes de información ou novas tecnoloxías.
Comments