top of page

A Policía Autonómica e a UIFO esclarecen cinco incendios no concello de Agolada

No marco da “operación Fénix”, os axentes detiveron ao presunto autor ata en dúas ocasións en menos de 10 días e este xa estivera en prisión por feitos similares


Ecos da Comarca/Agolada

A Policía Autonómica e a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural esclareceron cinco incendios no concello de Agolada, en Pontevedra, coa detención do presunto autor ata en dúas ocasións en 10 días. Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da sede de Santiago de Compostela, xunto con e membros da UIFO, resolveron de forma coordinada e conxunta a autoría dos lumes no marco da operación Fénix iniciada o pasado febreiro ao rexistrarse dous lumes no municipio.

Entre o 5 e o 16 de abril producíronse outros cinco incendios e, de feito, no que vai de ano os axentes do Distrito Forestal XVI Deza-Tabeirós teñen contabilizados sete incendios intencionados e 1 reprodución dun deles que afectaron 51,93 hectáreas de monte. A intervención dos medios de extinción da Xunta evitaron que a extensión afectada fose maior.

Así, o 5 de abril arderon 16 hectáreas de monte; dous días despois houbo outros dous incendios que afectaron 32,8 hectáreas de monte arborado; o 14 de abril calcináronse 1,04 hectáreas noutro lume intencionado, e o 16 de abril produciuse outro intencionado e unha reprodución deste queimando arredor de 2 hectáreas. Os axentes da Policía Autonómica xunto coa UIFO, que se encarga do informe técnico dos lumes, esclareceu a autoría de cinco dos incendios e a operación Fénix segue aberta e continúase a investigar a autoría dos demais lumes producidos neste municipio.

Por unha parte, os axentes observaron varios nexos en común entre o incendio do pasado 5 de abril e os de febreiro e nas súas investigacións detectaron que un varón con antecedentes como autor de varios lumes nas provincias de Lugo e A Coruña, que xa estivera en prisión en dúas ocasións por feitos similares, se trasladara a vivir a unha aldea de Agolada. Nos dous incendios rexistrados o 7 de abril conseguiron, grazas á colaboración cidadá, situar ao sospeitoso no momento e lugar do inicio procedendo a súa detención. O presunto autor recoñeceu na súa declaración a autoría dos lumes cun chisqueiro que tirou pola fiestra antes de ser interceptado por unha patrulla da Policía Autonómica.

En canto ao incendios do 16 de abril, as indagacións da Policía Autonómica levaron a unha nova detención do presunto autor, volvendo a declararse culpable. Neste caso, manifestou que prendeu o lume en catro puntos diferentes cun chisqueiro. As dilixencias sobre todas as actuacións remitíronse en dous atestados ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page