top of page

A Plataforma Ulloa Viva leva a Agolada a película “Vidas irrenovables” o día 1 de novembro

O director estará presente nun coloquio posterior organizado por Agolada Viva


Laura Moure/Agolada

O colectivo Agolada Viva da Plataforma Ulloa Viva levará este venres, 1 de novembro, ao Auditorio Municipal Manuel Costa Casares de Agolada a preestrea oficial da película documental Vidas irrenovables. Naturaleza e miseria. Na proxección estará presente o director do filme, Francisco J. Vaquero, que ao remate da proxección participará nun coloquio arredor do documental e centrado tamén no que ten a ver co proxecto de Altri-Greenalia para instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei, cunha importante afectación no concello de Agolada, de onde Altri ten solicitado a Augas de Galicia a captación de 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros (o mesmo que consume nun día toda a provincia de Lugo, arredor de 300.000 habitantes).

Captura do tráiler da película documental (que podedes ver liñas máis abaixo).

Tamén en Agolada, concretamente a parroquia do Sexo se vería afectada pola vertedura de 30 millóns de litros de auga diarios “tratados con químicos e a 27 graos” ao paso polo río Ulla nesta parroquia.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Vidas irrenovables é unha película de 90 minutos de duración que fai reflexionar sobre si de verdade a transición ecolóxica que se está a dar en España é ecolóxica. Na práctica o documental demostra que algo que era unha oportunidade para a sociedade en xeral e para o rural en particular “estáse convertindo na maior ameaza para os nosos ecosistemas, os nosos pobos e o noso sector primario”, segundo o seu director Francisco J. Vaquero.

Logo da proxección da película documental, Agolada Viva organizou unha mesa redonda, presentada pola actriz agoladense Mónica García, que contará coa presenza do director; o investigador da Universidade de Vigo Mario Pansera; a enxeñeira agrónoma Begoña de Bernardo; a activista de Ecoloxistas Galiza Nery Díaz; e o Presidente do Clube Deportivo Roteiros de Lalín e da Asociación Cultural Viarum Deza e letrado da Administración de Xustiza José Luís Rodríguez Jácome.


Mario Pansera Mario é profesor de investigación de OPORTUNIUS afiliado á Universidade de Vigo. Tamén é investigador afiliado á Universidade Autónoma de Barcelona. O seu traballo céntrase na investigación e innovación responsables (RRI) e a innovación para o decrecemento/poscrecemento. Doctorado en Xestión na Escola de Negocios da Universidade de Exeter en 2014, cunha bolsa postdoctoral Marie-Curie en Bruxelas, traballou como investigador na Universidade de Bristol de 2017 a 2020. Mario Pansera é profesor internacional na Graduate School of Business da Universidade de Cidade do Cabo en Sudáfrica.


Begoña de Bernardo Miño. Enxeñeira Agrónoma. Autónoma do agroturismo, (Casa Pousadoira, turismo rural e horta ecolóxica dende 1995, e promotora do Centro para a Resiliencia Pousadoira dende 2014). Presidenta de Véspera de Nada, Asociación por unha Galiza sen petróleo, e membro da Executiva da Rede de Decrecemento Eo Navia-Galiza-O Bierzo.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A activista Nery Díaz é membro de Ecoloxistas Galiza; Atlántica e Verde; Chairega, nai, avoa e fotógrafa, defínese a si mesma coma "ecofeminista, abolicionista e alérxica ás inxustizas veñan de onde veñan. Loitando cada día por un mundo máis xusto".


Agolada Viva organiza tamén ao remate do evento unha degustación de castañas asadas e viño novo para todos os asistentes, propio da época de outono.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page