"A persecución penal do bipartito cara as empresas do polígono da Madanela está arquivada", di o PP
Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide vén de coñecer que a demanda, tal e como asegura, polo penal que AM-PSOE interpuxo fronte a dúas empresas melidenses polos vertidos acaecidos ao rego Piñor o pasado xullo de 2019 está arquivada. Así o confirma o goberno local ao fío dunha pregunta realizada polo Grupo Popular no pleno ordinario do mes de marzo. “Tardamos en que Pérez e Prado contesten ao que se lle pregunta, pero isto só confirma as nosas sospeitas: todo o mal que se lle fixo ao nome de Melide, aos empresarios que decidiron investir e dar traballo á xente de Melide, só tiña un fin e era a persecución política das
antecesoras no cargo de alcaldesas”, sinala a portavoz popular, Dalia García.

Os populares advertiron no seu día que "era un erro iniciar un procedemento penal sen depurar responsabilidades administrativas e este arquivo vén a refutar o que xa tiñamos claro". Ademais, informan dende o grupo popular, que o goberno bipartito municipal "terá que dar as explicacións oportunas do gasto extra que supuxo esta decisión errada, xa que polo momento os populares están estudando as facturas pagadas a un avogado co que se pactou un total de preto de 15.000 euros pagados xa case 9.000 euros de anticipo cando o Concello de Melide contrata en exclusiva a un asesor xurídico que custa ao peto dos melidenses preto de 53.000 euros", subliña.
"O agravio que se lle fixo a Melide e aos melidenses cunha decisión que só perseguía un rédito político é responsabilidade de Pérez e do seu goberno, asunto polo que terá que dar as explicacións oportunas", replica García, quen indica ademais que informarán debidamente a veciñanza sobre este tema.