A parroquia silledense de Graba estrea o 1 de abril a Festa do Raxo
O colectivo sociocultural Coto do Castelo busca desestacionalizar a súa cita gastronómica apostando por un produto máis arraigado na tradición local
Laura Moure/Silleda
Silleda suma unha nova exaltación ao seu mapa gastronómico local. A parroquia de Graba estreará o vindeiro sábado 1 de abril a Festa do Raxo, no campo da festa da localidade. A cita, organizada pola Asociación Socio Cultural Coto do Castelo, foi presentada este luns no Concello polos integrantes do colectivo (o seu presidente Martiño Novo Canda e Daniel Areán Filloy), polo alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González.

“En Graba viñamos celebrando en agosto a Festa do Bolo Preñado e o Mexilón, se ben son produtos con pouco arraigo, por iso decidimos apostar polo raxo”, sinala Martiño Novo, presidente de Coto do Castelo, resaltando ademais o peso do sector porcino no municipio de silledense.
“Ademais o raxo é un dos produtos que máis gustan e con máis tradición”, sinala. Con este cambio tamén nas datas, a entidade organizadora tamén busca “desestacionalizar as celebracións gastronómicas, que adoitan celebrarse todas no verán”, engade Novo.
A festa terá lugar o 1 de abril pola noite, a partir das 22:00 horas, cun menú composto por raxo de porco con patacas fritidas e pementos, sobremesa, bebida, pan e café, a un prezo de 15 euros por persoa (10 euros para nenos e nenas menores de 10 anos). Tamén haberá servizo de pulpeiro. Os tickets poden retirarse na Taberna de Graba; Cobideza; Agroservizos Alberto; Decores e Doar. Para máis información as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 669 295 340 ou 689 374 614.
A velada estará amenizada polo dúo Aires de Broña e o DJ Marcos Kintana. Pola súa banda o alcalde, Manuel Cuiña, felicitou á entidade organizadora, ca que colabora o Concello de Silleda, por esta nova aposta, con máis relación co territorio, e á que desexou unha longa vida.