Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A noite melidense négase a ser o novo Titanic

Os empresarios dos pubs consideran que reciben un trato discriminatorio e esixen ser tratados como calquera outro hostaleiro



Laura Moure/Melide

Os galegos somos moi morriñentos e aínda máis nesta pandemia que nos tocou vivir. O coronavirus irrompeu nas nosas vidas privándonos do máis importante que pode ter unha persoa: a liberdade. Aínda lembrades aquelas gañas de que chegase venres porque a fin de semana xa estaba aí? Parece incrible! O tempo de desconexión, os reencontros cos amigos para desafogarse do traballo ou desa semana mala, as ganas de volver ver a esa persoa que coñeciches onda a barra dun bar hai dous sábados... Porque son múltiples as historias que recollen os bares e pubs.

“Son de preto de Melide, sabes? Claro que si, onde hai unha das mellores marchas de Galicia”. Seguro que máis dun tivo esta conversa. A súa situación tan central facía que cada sábado se acércanse xente das catro provincias a desfrutar da noite sendo desde fai décadas un lugar de referencia. Tamén para moitos vascos que pasan o verán nesta localidade e para un que outro peregrino que antes de chegar a Compostela aproveitaba a súa estancia aquí. A maioría de nós en plena adolescencia cando iamos ao San Roque xa non perdiamos a oportunidade de pasarnos pola rúa dos pubs para axexar o que alí se cocía. E todo isto parece que quedou no esquecemento para moitos e é unha gran tristeza pasar unha fin de semana por alí e ver todas as reixas baixadas e a música apagada. Pero as cabinas e as luces non volverán acenderse só cunha palmadiña no lombo e con ánimos.

Foto: Pub Buda Melide


Os propietarios de case unha vintena de pubs son persoas e isto significa que comen e necesitan subsistir como calquera outro empresario. Ademais, detrás deles viven moitos máis traballadores. Son moitos os camareiros, eu mesma hai anos, que ganabamos aquí o soldo para ter un extra, para pagar os estudos ou simplemente, era a noso sustento, mentres non aparecía outro traballo relacionado coa carreira que estudiaras. Por elo, os empresarios destes locais nocturnos piden que se lles trate como calquera outro hostaleiro porque a súa actividade foi practicamente nula desde a entrada da pandemia no mes de marzo.


“O futuro do “Ocio Nocturno” como nos denominan desde o 14 de marzo que non é que non me guste, pero si que me molesta, porque é unha maneira de apartarnos literalmente do resto da hostalaría con carácter discriminatorio e somos igual que calquera negocio e non nos tratan como tal desde o primeiro día. No meu caso tiña unha empresa con oito traballadores fixos a pleno rendemento e pagando todo como calquera outra empresa da cal levaba x beneficios a final de mes para a casa y así poder vivir dignamente”, indica Emilio Pereiro, responsable do Buda. “Agora desde que nos privaron de iso só sabemos o que é pagar. E son como calquera outro negocio”, recalca. “Creo que a xente nos trata como un extra de fin de semana, pero a realidade non é esa porque igual factura máis a miña empresa e dá máis traballo ca moitas outras e non nos tratan como tal. Os meus empregados fixos e indirectos e eu tamén comíamos dela e nos últimos 13 meses traballamos nove”.


Consideran que eles puxeron todo o que estaba da súa man para poder abrir as súas portas, investindo, incluso, diñeiro, pero pola contra non recibiron o mesmo apoio. “En agosto fomos o sector da hostalaría que máis puxo da súa parte coa limitación de aforo, no noso caso compramos mobiliario como cadeiras e mesas para dentro para abrir dous días á semana”, indica Héctor Martínez, un dos socios do Imagine e do Nexus, quen considera que era impensable a idea de ter que pechar os pubs á unha da mañá, como se chegou a propoñer nalgún momento. “Isto é imposible en Melide. Aquí a xente sae tarde da casa, cea fóra, vai ós Viños e cando chega aos pubs xa é tarde”, comenta.


Ademais de mobiliario, tiveron que botar man de practicamente todos os empregados cada noite, a pesar de que o aforo era máis reducido, e incluso, contratar a máis. “Contratei un porteiro a maiores e as camareiras tiñan que traballar as mesmas para levar a cabo as medidas de desinfección, para anotar os nomes e os teléfonos de cada persoa que accedía aos pubs...”, apunta Fernando Rey, responsable do Modell e do Mhyto.


Estes empresarios síntese indignados ante a falta de recoñecemento. “Agora parece que o mundo se cae desde que o mércores se cerrou toda a hostalaría en Galicia. A miña pregunta é: ¿son máis as cafetarías e os bares ca nós?”, pregúntase Pereiro e el mesmo coñece a resposta. “Pois non porque puxemos un montón de diñeiro para ter os negocios abertos con todo o cariño e ilusión do mundo igual cos demais, pero non levamos o mesmo pago. Cando o resto puideron traballar 13 meses, 10 ou case 11, con restricións si, pero levaban cartos para casa para comer e pagar facturas e nós só facemos unha cousa: pagar todos os meses todo como a luz, auga, alugueres, o lixo, seguros dos locais, ertes, autónomos.. pero a hora das axudas temos case as mesmas ca os que traballaron ata fai dous días”, recrimina.


Sen embargo, consideran que as axudas non son suficientes e que moitos deles non compren os requisitos para poder beneficiarse. “Van saír unhas agora en febreiro, pero os traballadores por conta allea, e dicir os que teñan outros tipos de ingresos non se poden acoller a elas unha vez máis”, explica Martínez. “E non sabes a onde ir porque aquí todo o mundo che da a espalda e como somos unha minoría pois así estamos. No noso caso menos mal que traballamos un mes e medio para cubrir gastos e puidemos ir tirando uns meses. Ao ser varios socios e ao arranxar o tema dos alugueiros cos caseiros, toca moito menos a repartir, pero no caso de que fora só eu socio, traballador por conta allea, xa que traballo pola semana, e teño de extra dous locais tería que seguir pagando autónomos, non tería dereito a ningunha prestación, pero eu tería que seguir pagando dous alugueiros, luz, auga, a cota do lixo... todo dos dous locais, polo que sería uns gastos que superarían os 2.000 euros ao mes. Se por exemplo, eu cobro 1.000 euros no meu traballo da semana e teño só 2.000 euros de gastos dos locais, como vivo? E se teño un aluguer ou unha hipoteca na miña vida persoal e teño que aboar os meus recibos e demais.... Creo que está moi mal repartido”, conta este socio do Imagine e do Nexus. Ademais, informa de que “hai bastante inconformidade con iso polo grupo de ocio nocturno de Galicia “e todos temos unha sensación de abandono. Si que é certo que hai algunha axuda, pero tes que cumprir uns requisitos que gran parte de nós nos os compren. No no caso, xa che digo, que gracias a Deus que somos varios, traballamos todos por semana e con algo que aportemos dámolos mantido, pero senón non duraríamos nin dous meses”.


Fernando Rey tampouco se pode acoller a estas axudas ao ter outro traballo, pero os gastos seguen aí. “E menos mal que non teño que pagar os alugueiros, gracias aos donos”.


Ninguén sabe cando poderán abrir e como será o futuro da marcha melidense, pero non queren que se acabe afundindo como o Titanic levando por diante a moitos traballadores. “Falar de futuro é moi difícil cando non sabemos canto imos aguantar esta situación, pero si tarda moito máis de dous ou tres meses caeremos moitos e en Melide pode desfacerse unha peza moi importante da hostalaría e pode incluso perderse para sempre”, advirte Pereiro, aínda que se mostra positivo se os tempos melloran. “Por outro lado se cara maio ou xuño podemos empezar a reconstruír desde cero intentando salvar o verán na medida do posible e cara o outono / inverno isto colle mellor cor o próximo ano pode ser un ano de crecemento en Melide na noite porque a xente quere saír e ser libres como era antes e socializar”. Ademais, confesa que mantén a ilusión e con iso xa se anda moito camiño. “Ánimo teño igual que o primeiro día, ou incluso máis, porque agora sei o que tiñamos e o que perdemos e a xente danos moita forza para unha volta a normalidade o máis pronto posible e todo son mostras de cariño, tanto polos empregados como polo resto de coñecidos que saben a nosa situación. Desde aquí só pedimos que nos traten con xustiza e se non podemos traballar non podemos pagar entón necesitamos inxección de axudas e quedar libre de impostos senón temos que ser como o resto de negocios e temos que abrir”, reivindica o responsable do Buda.



“Optimismo sempre, pero véxoo difícil e o futuro moi negro porque sempre somos os últimos nas colas e xa se viu en abril cando fomos os primeiros en pechar”, considera Martínez. E Rey aposta por reiventarse. “Vexo o futuro moi complicado porque en todos os aspectos somos os esquecidos e os últimos en conseguir axudas. Tamén vai ser difícil no referente a atraer á xente porque hai que darse conta que moitos están collendo outras costumes e igual despois xa non saen todos os sábados. Eu non sei se seguirei con Modell, pero co Mhyto quero intentalo pero haberá que reiventarse e pode que non poderemos pechar ás seis da mañá e igual teremos que facelo antes como acontece en case toda Europa, pero hai que intentalo”.

Pois veremos a ver que pasa e oxalá poidamos contar nun tempo que a noite melidense volve brillar con luz propia e dando a oportunidade de que as xeracións das distintas provincias galegas se coñezan.

3,935 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE