O Concello de Melide recupera o Premio Terra de Melide á Defensa da Lingua
- Laura Moure
- hace 5 horas
- 2 Min. de lectura
Acordouse nunha xuntanza entre a concelleira de Normalización Lingüística e os equipos técnicos da mesma área dos centros educativos e do Concello de Melide
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide recuperará o Premio Terra de Melide á Defensa da Lingua, que recoñece o labor de persoas e entidades a prol do idioma galego. Foi o principal acordo da reunión mantida na Casa do Concello entre a concelleira de Normalización Lingüística, Ana Mosteiro, e os equipos de Normalización Lingüística dos tres colexios da vila (Nº1, A Martagona e Mestre Pastor Barral) e do IES de Melide, así como o técnico municipal da área, o pasado luns 12 de maio.

O Premio Terra de Melide á Defensa da Lingua Galega recoñeceu, ao longo das súas sucesivas edicións, o labor a prol do uso, coñecemento e difusión da lingua galega por parte de todo tipo de entidades e persoas vinculadas a Melide. Entre os galardoados de anteriores edicións atópanse o Museo da Terra de Melide, as asociacións culturais O Castelo e Charamela, ou o activista cultural Mingos de Pita, a título póstumo.
Durante a xuntanza mantida, o Concello e os equipos de Normalización Lingüística dos centros educativos acordaron tamén continuar a desenvolver unha relación estreita de colaboración que permita a realización de accións e actividades comúns que impliquen a mocidade na promoción e uso da lingua galega.
Publicidade
Melide e a súa comarca é un dos territorios do país con maior porcentaxe de galegofalantes habituais, tal e como se recolle nos sucesivos estudos divulgados polo Instituto Galego de Estatística. Dende o Concello de Melide, continuarase a traballar para que o municipio sexa un exemplo de normalidade no uso da lingua propia do país.
Comentarios