A meteoroloxía adversa deixa acumuladas máis de 550 incidencias rexistradas no 112 Galicia
- ecosdacomarca

- hace 11 minutos
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
O 112 Galicia vén de rexistrar, entre os días 23 e 24 de xaneiro, un total de 552 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa que afecta á comunidade galega. Das cales, 29 incidencias foron rexistradas no que vai de día nun contexto marcado por avisos laranxas por neve en distintas zonas do interior, así como por avisos laranxas e vermellos no litoral galego. Ademais, atópase activado o plan INUNGAL.

A maior parte das incidencias xestionadas estiveron relacionadas coa presenza de árbores e pólas nas estradas, cun total de 176 avisos. Séguenlles as incidencias na circulación provocadas pola neve, a saraiba ou a formación de placas de xeo (139), así como as actuacións de prevención de riscos (70). Tamén se rexistraron 57 incidencias por restos de cables e postes de luz nas vías, 51 por restos de accidentes ou obxectos na calzada e 18 derrubamentos. Cómpre salientar que, das 29 incidencias rexistradas no día 24 de xaneiro, 22 estiveron directamente relacionadas con problemas na circulación derivados da neve, da saraiba ou do xeo.
Por provincias, o maior número de incidencias rexistrouse en Pontevedra (198) e A Coruña (182), seguidas de Ourense (101) e Lugo (70).
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

En canto aos concellos máis afectados, na provincia de Pontevedra destacan Vigo (31) e Pontevedra (23), seguidos de Vilagarcía de Arousa (11), Sanxenxo (10) e Redondela (8). Na provincia da Coruña, os municipios con máis avisos foron Ferrol (18), Narón (14), A Coruña (9) e Boiro (7). En Ourense salientan Ribadavia (9) e Laza (7), mentres que na provincia de Lugo destacan Taboada e Quiroga, con 4 incidencias cada un.
Incidencias destacadas relacionadas coa meteoroloxía
Entre os sucesos máis relevantes das últimas horas, rexistráronse varias saídas de vía provocadas pola neve e a saraiba. Ás 22:15 horas, na VG-4.4, no quilómetro 2, ao seu paso por Salcedo (Pontevedra), un particular sufriu unha saída de vía debido á presenza de saraiba na calzada. Poucos minutos antes, outro condutor informaba de que na A-57, en Tomeza, a estrada atopábase completamente cuberta de neve, o que lle fixo perder o control do vehículo.
Publicidade
Posteriormente, ás 22:45 horas, o 112 Galicia tivo constancia doutra saída de vía na AP-9, no quilómetro 147, en Trasmañó (Redondela), tamén provocada pola sarabiada. Xa ás 22:50 horas, en Portomarín, na LU-633, no quilómetro 84, en San Mamede do Río, un condutor perdeu o control do seu turismo debido á neve, sufrindo unha saída de vía.
Na madrugada, na Pobra do Caramiñal, producíronse dúas saídas de vía como consecuencia da intensa caída de saraiba, unha ás 00:20 horas na AG-11, no quilómetro 34, en Lesón, e outra ás 00:30 horas na AC-305, no quilómetro 30, en Posmarcos. Por último, ás 02:30 horas, na N-525, no quilómetro aproximado 267, ao seu paso por Torgueda, en Loeda (Piñor), un vehículo non puido continuar a marcha pola presenza de neve na calzada, acabando por colidir contra a cuneta ao tentar retomar a circulación.
Todos estes accidentes non causaron danos persoais.
Publicidade
Ás 10 horas deste sábado, a subdelegación do goberno en Pontevedra informou que se levantaron as restricións preventivas da DGT ao tráfico de vehículos pesados nas estradas da provincia de Pontevedra. A partir de agora actuarase en cada tramo dacordo cos requerimentos da situación.








Comentarios