top of page

A memoria e a emoción protagonizan unha multitudinaria 48ª Semana Cultural de Cira

hace 12 horas
3 min de lectura

Susana Rodríguez González e a súa nai, Carmen González Lugo, impulsoras de numerosas iniciativas culturais na parroquia, serán recoñecidas como (in)VISIBLES no Día da Muller Rural de 2027


Laura Moure/Silleda

A parroquia silledense de Cira volveu demostrar que a cultura é tamén unha maneira de facer comunidade, de manter vivas as raíces e de fortalecer os vínculos entre a veciñanza. A 48ª edición da súa Semana Cultural pechouse cun extraordinario éxito de participación e cunha das súas citas máis especiais: a proxección do documental Sempre en Cira, que o pasado venres se converteu nunha auténtica viaxe pola memoria colectiva da

parroquia.


Foi unha sesión para lembrar, para emocionarse e para reencontrarse. Unha oportunidade para recuperar historias, rostros e vivencias que forman parte da identidade de Cira e que, grazas a este traballo audiovisual, quedan agora recollidas para as xeracións futuras.

O documental permitiu volver a aqueles anos nos que os festivais, os desfiles e outras iniciativas culturais enchían a parroquia de actividade, ilusión e convivencia. Celebracións que foron moito máis ca simples eventos e que contribuíron a tecer relacións, fortalecer o sentimento de pertenza e construír unha parte fundamental da historia recente de Cira.


Un álbum de fotografías para devolverlle á parroquia parte da súa historia

A emoción da xornada tivo tamén outro momento especialmente significativo. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, fixo entrega á parroquia, en nome do Concello e de toda a veciñanza, dun álbum de fotografías antigas que se conservaba nos arquivos das dependencias municipais.

 PUBLICIDADE

As imaxes, correspondentes aos festivais e desfiles celebrados durante as décadas dos 80 e 90, constitúen un valioso testemuño da intensa actividade cultural e social daqueles anos. Fotografías que recuperan momentos compartidos, persoas e celebracións que forman parte da memoria de moitas familias.


Con este xesto, o Concello quixo contribuír á conservación e recuperación da historia da parroquia, devolvendo á veciñanza un pequeno tesouro documental que cobra agora un significado especial coa estrea de Sempre en Cira.


Un recoñecemento a dúas mulleres que axudaron a facer parroquia

A xornada serviu tamén para render unha pequena pero sentida homenaxe a Susana Rodríguez González e á súa nai, Carmen González Lugo, dúas mulleres estreitamente vinculadas á organización e promoción daqueles festivais e iniciativas que marcaron toda unha época en Cira.


O seu exemplo representa o de tantas mulleres do rural que, desde o compromiso persoal, a xenerosidade e un traballo moitas veces silencioso, foron auténticos motores da vida social e cultural das súas parroquias. Mulleres que dedicaron tempo, esforzo e ilusión a organizar actividades, reunir á veciñanza e crear espazos de convivencia, sen procurar protagonismo nin recoñecemento, pero deixando unha pegada que permanece viva moitos anos despois.


Precisamente por esa contribución, o Concello de Silleda anunciou que Susana Rodríguez González e Carmen González Lugo serán as protagonistas do recoñecemento (in)VISIBLES con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais de 2027.


Esta iniciativa municipal busca recuperar e poñer en valor as historias de mulleres que contribuíron, desde diferentes ámbitos, ao desenvolvemento e á vida das parroquias silledenses, dándolles a visibilidade que merecen. O recoñecemento a Susana e Carmen será tamén unha maneira de homenaxear a toda unha xeración de mulleres que fixeron posible, co seu traballo e dedicación, boa parte da actividade cultural e comunitaria do rural.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Unha Semana Cultural que segue facendo historia

Desde o Concello de Silleda quérese felicitar ás persoas organizadoras da 48ª Semana Cultural de Cira polo éxito desta edición e agradecer a implicación de todas as persoas que contribuíron ao desenvolvemento das actividades, así como a extraordinaria resposta do público.


Despois de case medio século de traxectoria, a Semana Cultural continúa a ser un exemplo do dinamismo e da capacidade de organización da parroquia, demostrando que a cultura no rural segue moi viva.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page