top of page

A inscrición de Ponte Mourazos: a posta en valor do patrimonio comarcal

Ecos da Comarca/C. Terra de Melide

Compartimos esta información que publicou nas súas redes sociais o Museo Da Terra de Melide sobre a inscrición de Ponte Mourazos.


"Dende hai moitos anos o Museo tiña unha arela necesaria e perentoria: sacar a luz e musealizar in situ un dos elementos patrimoniais máis singulares da comarca: a pedra que contén a inscrición da fundación da Ponte Mourazos no río Ulla, e que na actualidade divide os concellos de Santiso e Agolada ou o que é o mesmo, as provincias de A Coruña e Pontevedra.

Foto facilitada ao museo por Miguel Ángel López Marcos.
Foto facilitada ao museo por Miguel Ángel López Marcos.

Hai dúas semanas leváronse a cabo os traballos de recuperación desta rocha na Ponte de Mourazos, que se atopaba parcialmente sumerxida no río dende un tempo do que xa non se conserva memoria. Trátase dunha rocha exenta na que podemos ver gravada unha inscrición – en latín- que fai referencia á fundación dunha ponte para atravesar esta parte do río Ulla, datada no ano 862. Tratouse dun complexo traballo de levantamento do bolo rochoso que necesitou unha precisa intervención na que, unha grúa de gran tonelaxe e eslingas fabricadas ex profeso para este traballo, realizaron con precisión case cirúrxica o levantamento e volteado deste monumento singular.


Despois de moitas conversas e envío de documentación, o Museo conseguiu mover os engranaxes que puxeron a traballar a maquinaria precisa para que esta posta en valor tivese efecto. E así o pasado mércores 12 de novembro tivo lugar a recuperación deste elemento que dende ese día pode ser contemplado por todos.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Por iso, é máis que necesario dar as grazas a todos aqueles que fixeron posible que este logro para co patrimonio comarcal (e universal) se levase a cabo: grazas ás xestións administrativas e burocráticas de Roberto Pena Puente, Xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, sempre disposto e colaborador; grazas ao Concello de Santiso por entender a necesidade e a importancia de recuperar este elemento patrimonial; e grazas á Fundación Luís Monteagudo de Betanzos por ser os promotores e asumir os gastos deste traballo.


Para levar a cabo tal singular e perigosa tarefa (polo enorme peso da rocha e o necesario coidado no seu izado dende o río), contouse coa dirección de Miguel Ángel López Marcos, arqueólogo e restaurador, especializado neste tipo de obras, pois entre os seus traballos atópase o levantamento de estruturas como os Colosos de Amenofis III en Luxor (Exipto) ou a pedra de abalar en Muxía. Tamén estiveron presentes, e colaborando con el nesta obra de Mourazos, arqueólogos da empresa Terra Arqueos.


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Polo tanto podemos considerar que o Concello de Santiso e por ende a Comarca da Terra de Melide, conta agora, de xeito visible e dignificado, cun elemento de singular importancia a nivel patrimonial e histórico, pois é unha das poucas inscricións da mesma época conservadas na actualidade en Galicia, xunto coa de Ponte de Taboada (en Silleda) e a de Ponte de Losón (en Vila de Cruces e hoxe desaparecida pero da que se conservan documentos do ano 1903 que falan dela), ambas sobre o río Deza, así como a Ponte de Toiriz (tamén en Vila de Cruces) e a de Ponte Vilariño (en Agolada), estas dúas sobre o río Arnego .


Trátase pois dun logro en canto á recuperación e posta en valor dun ben de importancia capital que recupera un monumento dunha época da que apenas se conservan restos materiais importantes".


 Museo Da Terra de Melide




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page