A Garda Civil establece un plan de vixilancia especial sobre motoristas na provincia da Coruña
Estes dispositivos operativos desenvólvense en tramos especialmente frecuentados por motoristas, coñecidos como “roteiros moteiros”, entre os que destacan a AC-840
Ecos da Comarca/Xeral
A Garda Civil, a través do Subsector de Tráfico da Coruña , reforzou os dispositivos de vixilancia e control en diversas estradas da provincia co obxectivo de reducir a sinistralidade viaria, especialmente a relacionada cos usuarios de motocicletas.

Estes dispositivos operativos desenvólvense en tramos especialmente frecuentados por motoristas, coñecidos como “roteiros moteiros”, entre os que destacan a AC-840, onde se rexistran sinistros de forma recorrente, a N-6 polo seu trazado sinuoso, así como diversas vías da rede secundaria que discorren pola costa coruñesa.
Dispositivos orientados a condutas de risco
A actividade operativa céntrase na detección das principais condutas de risco asociadas á sinistralidade de motoristas. Durante a pasada fin de semana , detectáronse numerosos excesos de velocidade, algúns deles próximos a constituír delito contra a seguridade viaria.
Así mesmo, ademais da velocidade, os axentes intensificarán os controis de:
• Consumo de alcol e drogas
• Adiantamentos antirregulamentarios
• Respecto das distancias de seguridade
Publicidade
A vixilancia non se limita unicamente aos motoristas. Tamén se controlará o comportamento do resto de usuarios da vía, especialmente en interseccións, onde se produce un dos sinistros máis habituais: a incorporación indebida de vehículos que non respectan a prioridade de paso da motocicleta.
O motorista, un usuario vulnerable
Desde a Agrupación de Tráfico da Garda Civil lémbrase que o motorista é un usuario especialmente vulnerable. En caso de sinistro, a ausencia dunha carrocería de protección fai que as consecuencias sexan, en moitos casos, máis graves.
Neste sentido, estudos recentes apuntan que o uso de equipamento de protección adecuado pode reducir entre un 23% e un 45% a probabilidade de sufrir lesións, e ata nun 90% as abrasións e feridas abertas nas zonas protexidas.
PUBLICIDADE
Recomendacións de seguridade para motoristas
Seguindo as recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico, a Garda Civil insiste na importancia dun correcto equipamento:
• Casco homologado e correctamente abrochado (obrigatorio e principal elemento de protección)
• Chaqueta e pantalón con proteccións (costas, ombreiros, cóbados e xeonllos)
• Luvas homologadas, fundamentais para protexer as mans en caso de caída
• Botas ou calzado adecuado, que protexa nocellos e evite lesións graves
• Preferentemente, roupa con elementos reflectores ou de alta visibilidade
Ademais, recoméndase adaptar a condución ao estado da vía, extremar a precaución en tramos sinuosos e anticiparse a posibles erros doutros condutores.
Chamamento á responsabilidade compartida
A seguridade viaria é unha responsabilidade compartida. A Garda Civil fai un chamamento tanto a motoristas como ao resto de usuarios para que respecten as normas de circulación e manteñan unha actitude prudente ao volante. Reducir a sinistralidade na estrada é un obxectivo común que require do compromiso de todos.









Comentarios