A Garda Civil desarticula un grupo criminal que realizaba a estafa do fillo en apuros
- ecosdacomarca
- 24 oct 2024
- 2 Min. de lectura
O grupo criminal estaba composto por 12 individuos
Ecos da Comarca/Xeral
A Garda Civil, a través do Equipo @ Milladoiro da Comandancia da Coruña, especializado en asesoramento, prevención e resposta en materia de ciberdelincuencia, desmantelou un grupo criminal formado por 12 persoas implicados na estafa coñecida como “fillo en apuros”. Esta técnica delituosa baseábase en suplantar a identidade dos fillos das vítimas mediante o envío de mensaxes, solicitando diñeiro para supostos pagos urxentes, tal e como xa publicamos en algunha ocasión en ECOS DA COMARCA.

A operación, denominada XIBECA, permitiu esclarecer tres delitos de estafa, e procedeuse á identificación, detención e/o investigación dos membros da organización nas localidades de Santiago de Compostela, Milladoiro, Teixeiro, Lugo, Monforte de Lemos e Ourense. Aos procesados atribúenselles delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal.
O grupo criminal operaba cun esquema ben definido. As vítimas, localizadas en provincias como Alacante e A Rioxa, recibían mensaxes SMS que comezaban con frases como: “Ola mamá, o meu móbil rompeu…”. A continuación, os estafadores solicitaban que as vítimas realizasen varias transferencias bancarias para cubrir pagos urxentes, como facturas impagadas ou a compra dun teléfono novo.
Publicidade
A investigación iniciouse en abril de 2023 tras varias denuncias de persoas afectadas. Tras un longo labor de investigación, o Equipo @Milladoiro localizou un establecemento hostaleiro en Santiago de Compostela, dirixido por dous homes que utilizaban o local para recrutar a “mulas económicas”. Estas persoas, 9 en total, facilitaban o desvío dos fondos obtidos ilegalmente mediante transferencias bancarias e a posterior entrega do diñeiro en efectivo aos responsables do local. Ademais, púidose constatar que o propietario do establecemento, un dos xefes do grupo, realizaba tamén vendas de substancias psicotrópicas.
Por tanto, ao ser detido, imputáronselle, ademais dos delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal, cargos por tráfico de drogas. Na fase final da operación, os axentes do Equipo @ Milladoiro lograron deter aos dous principais responsables da organización. O captador da rede, propietario do local, foi detido e atópase actualmente ingresado no Centro Penal de Teixeiro. O xefe principal do grupo foi arrestado na localidade de Monforte de Lemos (Lugo), onde residía, e posto ao dispor xudicial. O traballador do establecemento hostaleiro foi investigado pola súa presunta participación nos feitos. A cantidade total estafada ascende a 19.000 euros.
Publicidade
As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Garda de Santiago de Compostela. "Desde a Garda Civil, lembramos á cidadanía a importancia de estar alerta ante este tipo de fraudes e extremar as precaucións ao recibir mensaxes que soliciten diñeiro, sobre todo se proveñen de números descoñecidos. Se vostede ou algún coñecido foi vítima deste tipo de estafa, non dubide en denuncialo ás autoridades", sinala a Benemérita.
Comments