A fiscal Marta Sixto Tejo, recoñecida como (in)Visible do mes de novembro en Silleda
- ecosdacomarca

- 21 nov 2025
- 2 Min. de lectura
O acto de nomeamento terá lugar o sábado 29 ás 19:00 horas no Salón de Actos da Casa do Concello
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda homenaxeará este mes de novembro á fiscal Marta Sixto Tejo, co nomeamento como (in)Visible do mes, dentro do programa da Concellería de Igualdade que visibiliza o labor de mulleres referentes na comunidade. O acto de nomeamento terá lugar o sábado 29 ás 19:00 horas no salón de actos do Concello. O seu recoñecemento enmárcase este ano tamén nos actos do 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, destacando o papel fundamental das profesionais da Xustiza na defensa dos dereitos das vítimas e na loita contra as violencias machistas.

Unha traxectoria marcada polo compromiso coa Xustiza
Nada en 1976, Marta Sixto forma parte dunha familia que desenvolveu durante máis de 30 anos a súa actividade empresarial na vila de Silleda, onde continúan residindo os seus país. “De Silleda gárdoo todo: os recordos de infancia, os veráns, a tranquilidade que me acompañou durante os anos máis duros de estudo”, lembra.
Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1999, decidiu encamiñar o seu futuro profesional cara á Administración de Xustiza e preparou as oposicións de acceso á carreira fiscal e xudicial, un proceso longo e esixente que desenvolveu en boa parte en Silleda, arroupada pola súa familia.
Publicidade
En xuño de 2007 superou a oposición e ingresou na carreira fiscal. Tras un período de formación en Madrid e prácticas en Santiago, tomou posesión en 2008 como avogada fiscal na Fiscalía Provincial de Las Palmas de Gran Canaria, onde realizou as súas primeiras gardas e xuízos. En 2010 regresou a Galicia e incorporouse á Fiscalía de Área de Santiago de Compostela, onde exerce desde entón.
Ao longo destes 18 anos ascendeu á categoría de fiscal (2015), impartiu conferencias sobre violencia de xénero, colaborou co máster da Avogacía da USC e preparou opositores e opositoras. Desde xuño de 2024 coordina a sección civil da Fiscalía de Santiago, entre outras responsabilidades.
Publicidade
O papel da fiscalía e o avance das mulleres na Xustiza
Convencida da importancia do labor do Ministerio Fiscal, Sixto subliña que “fiscal non é só quen acusa: tamén protexe ás persoas máis vulnerables —as vítimas, os maiores, as persoas con discapacidade ou menores— e vela polos seus dereitos”. Tamén anima ás novas xeracións a perseguir as súas metas e lembra que “hoxe máis do 66% da carreira fiscal está formada por mulleres, un avance social importante no que debemos seguir traballando”.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destacou que “o nomeamento de Marta Sixto como (in)Visible do mes é unha oportunidade para recoñecer o mérito, o esforzo e a dedicación dunha muller que representa o mellor servizo público: compromiso, humanidade e defensa dos dereitos da cidadanía”. Fernández subliñou tamén a conexión co 25-N: “Neste mes no que alzamos a voz contra a violencia machista, é especialmente
significativo poñer o foco nunha profesional que leva anos traballando pola protección das vítimas e pola xustiza para todas as mulleres. Marta é un exemplo e un referente.”








Comentarios