A entrada é de balde así coma nos distintos concertos, pero estes terán una aforo de 1.000 persoas e hai que retirar as entradas
Laura Moure/Arzúa
A falta dun mes para que se celebre, a organización da tradicional Festa do Queixo de Arzúa anunciou hoxe algunhas novidades. Cabe mencionar que terá lugar do 4 ao 6 de marzo. Debido á pandemia haberá algúns cambios con respecto ás edicións pasadas para poder adaptar todo o evento ás condicións sociosanitarias en vigor. Haberá 56 stands para a venda de queixo e 10 con outros produtos.
Entre as medidas establecidas de loita contra o coronavirus figuran: a presenza de controladores nos accesos e limitación de aforo, con entrada de balde coma sempre; habilitarase unha única entrada e saída, na rúa Travesía da feira, e no primeiro andar celebraranse as actividades infantís do Pequequeixo, un concurso de escritura e outras sorpresas.
Reservas
Esta festa inclúe o coñecido como Festival do Queixo. Haberá que reservar entrada, pero todos os concertos seguirán sendo baixo carpa e de balde. Terá limitación de aforo, estimada actualmente en 1.000 persoas por concerto, que poderán estar de pé, usando sempre a máscara, pero non será posible dispoñer das habituais barras e tampouco acceder con bebida ou comida.
A reserva de entradas para o sábado ao mediodía do pregón e a actuación do Queixo maquetón que terá lugar a continuación, e o domingo para a sesión vermú, realizarase nas oficinas de Cultura do Concello.
Para os concertos da noite do sábado deberase reservar a entrada para cada concerto de forma online en www.ataquilla.com, e para os dous concertos xuntos da tarde do domingo, tamén en www.ataquilla.com.
Ademais, esta celebración inclúe outras actividades. Na Capela da Madanela estará a exposición do concurso de carteis, e noutros espazos, como a EFA Piñeiral ou o Local social de Santa María, terán lugar actividades paralelas dos centros colaboradores.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Comments