top of page

A feira Abanca Cimag-GandAgro 2025 arrincou co presente e o futuro do sector agropecuario como protagonista

21 feb 2025
6 min de lectura

Laura Moure/Silleda

A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, abriu onte as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra), coa presenza de 508 firmas expositoras e un completo programa de actividades.


En canto ás firmas, que supoñen un 20% máis que na pasada edición, están representadas por 174 expositores directos, mentres que os 334 restantes son

marcas representadas. En canto aos expositores directos, que proceden de España, Italia, Portugal, Países Baixos e Austria, suman un 3,5% máis que na anterior convocatoria e ocupan unha superficie neta de 11.648 metros cadrados. Aínda que a feira comezou onte, o acto oficial de inauguración terá lugar hoxe ás 12:30 horas, presidido pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez.

En canto ao seu programa de actividades, este xoves poñíase en marcha cunha xornada informativa e formativa para a incorporación de mozas e novos agricultores ao rural, organizada pola Consellería do Medio Rural que foi inaugurada polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Comezou expoñendo os principais fitos na execución do Plan Empresarial e a xustificación das axudas, de man de Pablo Gómez, xefe de servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario, para abordar a continuación a importancia dos seguros agrarios, a cargo do director territorial da Rexión Norte de Agroseguro. Para finalizar, Víctor Novo, xefe de servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería, explicou a situación actual da regulamentación no sector agrario, o caderno de explotación e a ferramenta informática da Consellería.


Ademais, a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), desenvolveu tres xornadas, sobre reaproveitamento de subprodutos agrogandeiros para o impulso da economía circular, innovación no sector agrícola para mitigar os efectos do cambio climático e estratexias innovadoras no sector vitivinícola.

Así mesmo, houbo presentacións, como a de resultados e concesionarios para Galicia do Grupo Agco, e a do primeiro cebo pulverizable listo para usar que permite un control rápido e efectivo de moscas. Súmanse ao longo do día a demostración de aplicacións aéreas con drons sobre cultivos e varias “Experiencias de Calidade” da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), as cales son sesións gastronómicas con produtos galegos con indicativo de calidade dirixidas polo chef Marcos Arufe. Onte foi a quenda das sesións “Castaña de Galicia”, “A mellor carne do mundo”, “Irmáns de Leite” e “Lacón Gallego”.


Cubículo Dreamstall

O cubículo Dreamstall, primeiro sistema de estabulación libre do mercado que permite ás vacas adoptar posicións corporais naturais tanto tombadas como de pé, resultou gañador no concurso GandAgro Innova 2025, no cal se recoñecen as innovacións destinadas a optimizar os recursos agrogandeiros. Este celebrouse onte no marco da V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal ten lugar ata o sábado no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Este cubículo, presentado pola empresa Animalvit, conta cun deseño innovador, unhas medidas que respectan o tamaño e os movementos dos animais e uns materiais que facilitan a colocación das vacas no cubículo nun ambiente confortable, conseguindo máis horas de descanso e sen estrés. Unha das súas características únicas é a ausencia da barra educadora dos separadores verticais.


Ademais, no concurso concedéronse tres menciones. Unha delas foi para o robot de muxido Gemini Up Dobre Box, de Boumatic/Frior. Trátase dun robot de muxido compacto equipado con dous boxes paralelos e un brazo robotizado que muxe dúas vacas simultaneamente entre as patas traseiras, sendo o único do mercado que fai unha colocación das pezoneras dende atrás.


Outra das mencións foi para un chan prefabricado de formigón para salas de muxido gandeiro, de Prefabricados Faro, primeira empresa en desenvolver este sistema de chan en Europa. Consta dunha peza totalmente en formigón para fosos de muxido con dobre inclinación a ambos os dous lados para facilitar unha correcta postura da persoa que muxe, podéndose adaptar os pasantes para as instalacións segundo o fabricante do sistema de muxido.


Unha terceira mención foi para o exoesqueleto Hapo Front, un exoesqueleto lixeiro deseñado para aliviar os membros superiores, os ombreiros e os cóbados dos traballadores do campo, ademais de previr enfermidades musculoesqueléticas comúns no traballo agrícola. O seu deseño lixeiro e asistencia pasiva mellora a saúde e o benestar do traballador sen limitar a súa mobilidade. Foi presentado ao concurso pola empresa Noroestebio.


Estas propostas foron xulgadas por sete expertos que representaron á Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidadede Santiago de Compostela), Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo e Sergude e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.


Publicidade

ANUNCIO
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Os galardóns foron entregados onte polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros; o xefe territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, e membros do xurado do concurso.


Concursos de innovación

Ademais deste concurso, no cal participaron 20 propostas presentadas por dezaseis empresas, Abanca Cimag-GandAgro celebrou onte outro certame centrado na

innovación, o Máquinas Destacadas Cimag 2025, dirixido a premiar as novidades

tecnolóxicas en maquinaria destacadas polos seus avances en deseño, prestacións e

calidade de traballo. Nel foron destacadas 12 propostas.


Ambos os concursos, aos cales concorreron un total de 36 propostas (dúas delas

comúns a ambos os certames) presentadas por 27 empresas expositoras, son unha

mostra da aposta de Abanca Cimag-GandAgro 2025 por potenciar a innovación no

sector agropecuario.


Estas novidades recoñecidas foron o sistema de agricultura de precisión Autosetup, presentado por Agrícola Noroeste, o cal permite configurar os axustes de traballo do tractor e da máquina dende un computador no Operations Center de John Deere e

envialos de forma inalámbrica ao tractor; a transmisión robotizada RVShift serie 6C, presentado por Deutz-Fahr/Comercial Veiras, que combina a facilidade de uso das

transmisións de baixa carga con todo o potencial das transmisións infinitamente

variables; a biotrituradora Pro presentada por Dimago/Agrolugo, equipada cun sensor

electrónico que cando baixa o número de revolucións do motor corta o paso da

alimentación hidráulica mediante unha electro válvula reducindo o desgaste dos

compoñentes principais; a aplicación móbil DTM App de Electricidad Mario, unha

aplicación móbil deseñada para mellorar a precisión da alimentación, optimizar o uso

do penso e aumentar a eficiencia das explotacións; a segadora tripla acondicionadora

con agrupador FC 9330 RA de Fariña Maquinaria, cunha anchura de traballo de 9,3 m.

e coa capacidade de realizar unha fileira central con anchura que varía desde os 1,8 a

3,6 m., ademais do axuste da velocidade na cinta en pendente para obter unha fileira

centrada e simétrica; e o tractor Valtra S416, presentado por Hitraf, cun motor con

posibilidade de utilizar biodiesel de 2ª e 3ª extracción con tecnoloxía de turbo simple

de dobre entrada “Twin Scroll” e modo Eco para aumentar o rendemento a baixas

revolucións e reducir o consumo de combustible.


Así mesmo, o xurado recoñeceu a ILF Kommunal + brazo orbital, presentado por Murat/Energreen, unha maquina autopropulsada multifuncional con sistema de enchanche rápido frontal que permite a instalación de múltiples equipos cun robusto brazo telescópico deseñado para traballar en ambos os lados da calzada e mantendo un mínimo espazo ocupado na estrada; o equipo de limpeza Heitmann SPR 910 Vario Prol, de Noroestebio, un sistema de limpeza de establos automatizado, silencioso, sen emisións e altamente eficiente; o Tatra Phoenix 8x8, de Tatra Agrícola Castellana/Grupo Poutón, un camión agrícola con cisterna Valzelli e tecnoloxía dixital John Deere para xestión e aplicación de xurro en terreo con sistema de chasis, tracción e suspensión únicos; a carretilla elevadora Agrimac TW25-4KX, de Talleres Turquino, a carretilla elevadora menos contaminante do mercado, cuxo deseño busca fomentar o menor consumo de repostos e a redución de mantemento.


Tamén se distinguiron o tractor JCB Fastrac 4220 Icon e o strip till para aplicación de xurros Volmer Culex, ambas de Millares Torrón. O tractor, con suspensión independente nas catro rodas e un sistema de equilibro activo que reparte o peso entre elas, é o único do mercado que permite que as catro rodas viren de maneira coordinada, mentres que o strip-till para aplicación de xurro aproveita de forma máis eficiente a capacidade de abono e minimiza as perdas de nutrientes.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ao concurso foron presentadas 18 innovacións por parte de 12 empresas expositoras, as cales foron avaliadas por un xurado composto Javier Bueno Lema, do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñería (USC), Ignacio Ruiz, secretario xeral da Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal e de Espazos Verdes (Ansemat) e Jesús Ángel Vázquez, do Departamento Universitario de Enxeñería Agroforestal da Universidade Politécnica de Madrid.


Os galardóns foron entregados onte no marco do certame polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros; o xefe territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, e membros do xurado do concurso.


PROGRAMACIÓN E HORARIOS no enlace: https://cimag.gandagro.com/

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page