A Escola de Música Municipal de Silleda incorpora “Música en familia”, dirixida a crianzas de 0 a 3 anos
- Laura Moure

- hace 15 horas
- 1 Min. de lectura
A modalidade achegará aos bebés, que deben asistir acompañados dunha persoa adulta, á música a través do xogo, o movemento e a emoción compartida
Laura Moure/Silleda
A Escola de Música Municipal de Silleda incorpora este curso 2025/2026 unha nova actividade na súa oferta educativa: “Música en familia”, unha proposta dirixida a crianzas de entre 0 e 3 anos acompañadas dun adulto, que busca introducir nas idades temperás o mundo da música a través de cancións, xogos, movemento e danzas. A actividade desenvolverase en grupos reducidos nas instalacións da Escola de Música.
“Música en familia” está deseñada para favorecer a estimulación sensorial e emocional durante os primeiros anos de vida, fomentando a creatividade, a imaxinación e o vínculo afectivo entre nenas, nenos e persoas adultas acompañantes.

Dende a Escola, onde o programa formativo comezaba ata agora a partir dos 3 anos, indicase que durante a primeira infancia a música é fundamental no desenvolvemento, e a través dela, as crianzas aprenden a canalizar emocións, desenvolven a súa intelixencia musical e viven experiencias compartidas que lles axudan a medrar felices.
Con esta nova actividade continúase ampliando a oferta da Escola de Música Municipal, abríndoa tamén ás familias con bebés e converténdoa nun espazo de encontro e aprendizaxe dende os primeiros anos de vida.
Publicidade
As familias interesadas poden obter máis información e formalizar as inscricións chamando ao teléfono 986 592 004 ou de maneira presencial na propia Escola de Música, en horario de atención ao público (de luns a venres de 15:00 a 22:00 horas).







Comentarios