A edil Teresa Varela pide máis transparencia sobre o custo do patrimonio inmobiliario municipal de Lalín
- ecosdacomarca

- hace 2 días
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
A concelleira non adscrita do Concello de Lalín, Teresa Varela Fisteus, presentou unha moción para o seu debate no pleno na que solicita unha maior transparencia sobre o patrimonio inmobiliario municipal e os custos derivados da súa conservación e funcionamento.

Na exposición de motivos, Varela sinala que o Concello experimentou nos últimos anos un incremento notable na adquisición e xestión de bens inmobles. Aínda que considera que a ampliación do patrimonio municipal pode interpretarse como un sinal de crecemento, advirte de que a situación económica actual obriga a analizar a sustentabilidade desta estratexia.
PUBLICIDADE
A edil destaca que cada inmoble municipal non só require un investimento inicial, senón que tamén xera gastos recorrentes de electricidade, calefacción, seguros, limpeza, mantemento e persoal. Ao seu xuízo, a existencia dun número crecente de edificios e espazos municipais sen un plan de viabilidade económica previo pode estar a limitar a capacidade de investimento do Concello noutras áreas prioritarias, como o mantemento do rural, a seguridade viaria ou os servizos sociais.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Na moción, Teresa Varela defende que a transparencia debe ser un método de traballo e considera necesario que a veciñanza coñeza o custo real que supón manter operativo o patrimonio inmobiliario municipal, ao entender que o seu mantemento representa unha "carga silenciosa" que consume recursos destinados aos gastos correntes e servizos.
PUBLICIDADE
Por este motivo, a concelleira propón ao pleno a adopción de dous acordos. En primeiro lugar, solicita a actualización da páxina web do Concello cunha relación detallada de todos os inmobles de titularidade municipal. En segundo lugar, pide a elaboración dun informe anual no que se detallen os gastos de conservación, mantemento, subministracións, seguros e persoal adscrito a cada edificio, reclamando ademais que toda esta información se publique no Portal de Transparencia municipal.









Comentarios