top of page

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana seis novos obradoiros da Rede SmartPeme+

Entre o 5 e o 8 de maio realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de asuntos como a analítica web, o deseño gráfico e a xestión de redes sociais


Ecos da Comarca/Xeral

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 5 e o xoves 8 de maio e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son a analítica web, o deseño gráfico e ferramentas como WhatsApp Business, Instagram e LinkedIn.


Hoxe, luns 5, celebrarase o obradoiro telemático “Google Analytics para a toma de decisións”, a partir das 12:00 horas. Nel abordarase a analítica web como unha práctica fundamental para coñecer se o que sucede no sitio web da empresa está aliñado cos seus obxectivos de negocio, para medir o comportamento dos usuarios e transformar os datos recollidos en coñecemento co que tomar mellores decisións de negocio. Será impartido por Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais e Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión, con preto dunha década de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

O martes 6, en formato telemático ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro “IA - Como facer prompts correctos”. Os participantes aprenderán a dominar a Intelixencia Artificial creando indicacións precisas, nun obradoiro no que van descubrir técnicas avanzadas, como evitar erros comúns e explorar aplicacións prácticas. O obradoiro será impartido por Manuel Tornos, asesor da oficina de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC, experto en transformación dixital, optimización de procesos e novas tecnoloxías, e as inscricións pódense realizar no seguinte formulario.


Tamén o martes, en formato presencial na oficina de Cambados ás 17:00 horas, terá lugar o obradoiro “Deseña facilmente imaxes impactantes e profesionais”. Os participantes aprenderán a deseñar sen ter coñecementos de ferramentas de deseño profesional, familiarizándose coa terminoloxía e usando ferramentas en liña para realizar imaxes. Será impartido por Jose Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar neste formulario.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O mércores 7 realizarase o obradoiro telemático “Linkedin para empresas”, ás 12:00 horas. Os asistentes poderán coñecer esta rede social e o seu funcionamento para sacarlle proveito, abordando cuestións como a creación de redes de contacto, as páxinas de empresa ou técnicas de posicionamento dentro da plataforma. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario e será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun posgrao en Comunicación Corporativa.


O primeiro dos dous obradoiros que se realizarán o xoves 8 será no Porriño, en formato presencial de 9:30 a 11:00 horas, baixo o nome “Así funciona WhatsApp Business”, unha variante profesional da coñecida rede social de mensaxería instantánea. Esta ferramenta permite interactuar coa clientela con funcionalidades específicas para organizar, automatizar e responder axilmente as súas mensaxes. Será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.


Por último, o xoves ás 17:00 horas en formato telemático terá lugar o obradoiro “Crea contido de vídeo para o teu Instagram”. Os asistentes aprenderán a crear contido en vídeo de forma creativa, vendo os tipos de vídeo que funcionan mellor na plataforma, ademais de como planificar o contido e aproveitar recursos e tendencias para conseguir un maior alcance. Será impartido por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page