A convocatoria de folga no sector da alimentación tamén ten repercusión en supermercados de Melide
- ecosdacomarca

- hace 9 horas
- 3 min de lectura
O conflito xorde polo bloqueo das negociacións do convenio colectivo provincial do sector e durará ata mañá, pola noite
Ecos da Comarca/Xeral
Os traballadores e traballadoras do comercio de alimentación da provincia da Coruña manteñen a convocatoria de folga durante os días 22, 23 e 24 de xuño, nun conflito laboral que coincide cun dos períodos de maior actividade comercial do ano debido ás celebracións de San Xoán. A protesta, impulsada por CCOO, CIG, UGT e USO, forma parte dun paro que se iniciou o pasado 21 de xuño e que afecta especialmente ás grandes cadeas de distribución alimentaria. En Melide tamén hai folga en supermercados como o Gadis e o Froiz.

O conflito xorde polo bloqueo das negociacións do convenio colectivo provincial do sector. Os sindicatos denuncian a falta de avances en cuestións como os salarios, a conciliación laboral, a redución da xornada anual e a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos. Segundo as organizacións sindicais, a patronal mantén unha postura “inmobilista e rexeita asumir melloras substanciais nas condicións laborais do persoal".

A folga chega ademais nun momento especialmente sensible para o sector, xa que os días previos á noite de San Xoán rexistran un importante incremento das vendas de alimentos e produtos frescos. Os sindicatos prevén un seguimento masivo da protesta, especialmente na xornada do 23 de xuño, o que podería provocar incidencias no funcionamento habitual dos supermercados, con redución de persoal, peche dalgunhas seccións e dificultades na reposición de mercadorías.
Durante as primeiras xornadas xa se rexistraron establecementos con cadros de persoal reducidos e servizos afectados. "Primeiro día de folga, e tendas como a do Gadis de Melide, permaneceron totalmente pechadas facendo unha demostración de valentía e compromiso por acadar mellores condicións laborais. Orgullo de compañeir@s. Con xente como vos acabaremos conseguindo os obxetivos", sinalou este domingo a Seccion Sindical CIG-Piadela.
As centrais sindicais tamén denunciaron presuntas peticións de horas extraordinarias e traslados de persoal desde outras provincias para minimizar o impacto da folga, cuestións que aseguran ter trasladado á Inspección de Traballo.

PUBLICIDADE
As reivindicacións inclúen incrementos salariais ligados ao IPC, melloras nos descansos, máis medidas de conciliación familiar e unha redución da carga de traballo. Os representantes dos traballadores sosteñen que boa parte do persoal do sector percibe salarios que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional, malia tratarse dun ámbito que incrementou a súa facturación nos últimos anos.
Mentres tanto, as negociacións continúan sen avances significativos e as próximas horas serán determinantes para comprobar se patronal e sindicatos son capaces de achegar posturas e evitar que o conflito se prolongue máis alá das celebracións de San Xoán.
Pola súa banda, a Asociación de Supermercados, Autoservicios Mayoristas y Distribuidores de Alimentación de A Coruña (ASAC) lamenta que "os sindicatos rexeitaran acudir a un proceso de mediación no Consello Galego de Relacións Laborais na negociación do convenio do comercio de alimentación en A Coruña".
PUBLICIDADE
"Estamos en folga por un convenio digno. Onte (polo domingo) puxémonos de acordo e non abríu o super xa que empezou a folga ese día e durará ata mércores á noite. Hoxe pola mañá (por onte) estivemos diante do super cos compañeiros de Froiz e pedímoslles ós clientes que por favor non compraran como apoio e a verdade e que case todo o mundo nos apoiou xa que o supermercado só estaba aberto con 4 empregados", sinalaba onte a este medio unha traballadora do Gadis de Melide.

Tamén nos informou que onte mantiveron unha reunión co alcalde melidense, José Manuel Pérez. "O cal nos apoia e trasladará un comunicado ao resto de partidos políticos", salienta esta traballadora afectada.








Comentarios