A licitación para construír nesta localidade a nova base de helicópteros está prevista para o verán cun orzamento de 4,23 millóns de euros
Ecos da Comarca/Lalín
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse hai uns días co alcalde de Lalín, José Crespo, para analizar a situación das diferentes concentracións parcelarias que a Consellería ten en marcha neste concello. Neste sentido, a titular do Medio Rural confirmoulle ao alcalde o avance na tramitación dos distintos procesos.
No caso concreto da de Val-Bermés-Sello, proximamente iniciaranse os traballos para a redacción do proxecto de execución dos camiños secundarios e mellora dos principais. Con respecto ás de Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busco, así como á de Cercio, en breve comezaranse coas reunións e comunicacións aos interesados para a denominada “enquisa previa ao acordo”, isto é, para que os propietarios indiquen as súas preferencias para as fincas.
No termo municipal de Lalín, oito parcelarias están mobilizando actualmente máis de 9.700 hectáreas de superficie. Ademais das comentadas anteriormente, trátase dos procesos de Galegos, Cristimil, Santa Baia de Losón, Vilatuxe e Goiás-Xaxán-A Veiga. Nestas reestruturacións, a Consellería leva investidos máis de 19 millóns de euros.
Publicidade
Así mesmo, no transcurso da reunión tamén se abordaron outros temas, como é a nova base de helicópteros que se construirá nesta localidade, e cuxa licitación da obra está prevista para o verán cun orzamento de 4,23 millóns de euros.
Publicidade
Esta actuación súmase aos 3,9 millóns de investimento no novo edificio de servizos integrados de Lalín, no que se están a contemplar xa os labores de formigonado. A edificación terá mais de 2.100 metros cadrados, co obxectivo principal de acoller os servizos básicos para a poboación rural da contorna desta localidade, así como outros servizos da Xunta de Galicia.
Comments