top of page

A CIG-Ensino rexeita o agrupamento de todas as unidades de Primaria “nunha única aula” e a supresión de 2 docentes no colexio de Dozón

Considera esta medida totalmente inxustificada logo de que o centro tan só vise reducida a súa matrícula nunha crianza (de 27 a 26 alumnos)


Ecos da Comarca/Dozón

A CIG-Ensino rexeita o agrupamento de todas as unidades de Educación Primaria “nunha única aula”, e a supresión de dúas docentes no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón. O sindicato maioritario do Ensino, considera esta medida totalmente inxustificada logo de que o centro tan só vise reducida a súa matrícula nunha crianza (de 27 a 26 alumnos), e tras adxudicar este mesmo ano destino definitivo a 2 docentes para o centro de Dozón.


A medida comunicada este mesmo luns á equipa docente do centro, e que se aplicará no

vindeiro curso escolar, vai supor que o alumnado de Dozón non conte con profesorado especialista en Educación Musical nin Educación Física, quedando reducido o cadro de persoal do centro a un/unha profesora especialista de Educación Infantil e un/unha profesora especialista de Educación Primaria a tempo completo; e un/unha profesora especialista de Lingua Estranxeira Inglés “compartida” con outros centros da comarca.

Dende a perspectiva pedagóxica, esta medida vai supor un claro deterioro da calidade do

ensino e un grande retroceso para conxunto da comunidade educativa do concello da comarca de Deza. Se ben o centro educativo xa se atopaba cun número de aulas moi reducido (froito da situación demográfica do concello de Dozón) e contaba cunha única aula para a etapa de Educación Infantil (aglutinando ás crianzas de 3, 4 e 5 anos) e 2 aulas para Educación Primaria (agrupando ás crianzas de 1º, 2º, 3º e 4º, 5º e 6º respectivamente) coa dotación de profesorado que corresponde aos centros de 3 unidades, permitía unha atención mais especializada e individualizada ás crianzas alí matriculadas.


Así pois, o vindeiro curso, as rapazas e rapaces de 6 a 12 anos de Dozón, xa non contarán con profesorado especialista nin de Educación Física nin de Educación Musical e terán que, todos na mesma aula e ao mesmo tempo, “agudizar a súa atención” ás indicacións “da profesora” que verá como ten que dirixirse a rapaces e rapazas de diferente nivel educativo, con incluso “mesmo tempo” que o ano pasado.


"Parece xa que logo, unha volta precisamente ás carencias que tiñan as chamadas “escolas unitarias” dos anos 70, desbotadas coa entrada da LOXSE e coa creación de centro de ensino en todos os concellos do país. Esta aposta do goberno actual do señor Rueda, parece valerlle precisamente para o alumnado que, froito de ter que vivir en comarcas ou concellos xa de por si con menos servizos, a maiores agora, non poderán contar con profesorado especialista. A deriva da aplicación do chamado “Acordo de melloras” ou tamén “ACORDO DA VERGOÑA” asinado en Outono do 2023 polo Presidente “RUEDA” en nome da administración educativa é unha minoría sindical representada por CCOO, ANPE e UGT; desoíndo ás críticas e as propostas de mellora esixidas pola CIG-Ensino (sindicato maioritario do país) xunto coa aplicación indebida do “Acordo de agrupamentos” asinado no 2009, lévanos a estas consecuencias. O mal chamado “acordo de melloras” que foi contestado contundentemente polo profesorado galego con centos de mobilizacións e dúas folgas por ser insuficiente e supor unha perda de oportunidades para a mellora do sistema educativo galego, vaise materializar agora en verdadeiro “papel mollado” cando a administración nin sequera vai cumprir cos mínimos que alí recolleu".


O acordo, publicado na RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2024, recolle a redución das rateos a un máximo 20 alumnos/as por aula nas etapas de educación infantil e primaria, a executar progresivamente comezando ente curso 24-25 nas aulas de 4o de primaria, polo que a totalidade dos rapaces xa escolarizados o ano pasado, “non van ver nunca esa redución de rateos”, xa que é de aplicación gradual comezando este curso 24-25 nas aulas de 4º de infantil. "Sen embargo, e visto o visto, parece que foi un “lapsus” do señor Rueda ou do señor Román", o feito de que o acordo recolla que “durante a implantación progresiva da redución de rateos máximas” “non se realizarán supresións de unidades naqueles centros que proceda, como consecuencia da diminución de alumnado”. Pois isto é precisamente o que acaban de facer en Dozón, incumprindo tamén o acordo de agrupamentos do 2009 no que se indicaba que non se poderá agrupar ao alumnado de toda a etapa de primaria, cando o centro contase con 10 ou mais cativos desta etapa.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar con nós.

Xa que logo, e cos números enriba da mesa, o CEIP Pío Cabanillas de Dozón conta a día de hoxe con 26 crianzas escolarizadas, 11 para a etapa de Educación Infantil e 15 para a etapa de Educación Primaria, polo non corresponde o agrupamento anunciado pola Consellaría e Educación a través da súa Xefatura Territorial de Pontevedra coa consecuente redución de servizos no centro.


"Por isto, dende a CIG Ensino esiximos á Xefatura Territorial de Pontevedra a inmediata rectificación na decisión adoptada e o mantemento das 2 unidades de Educación Primaria e con elas a atención educativa que se viña dando no centro á comunidade educativa de Dozón, así como a dotación de profesorado coa que contaba este ano: Unha mestra de infantil, unha de primaria, unha de música, unha de educación física e unha de lingua estranxeira inglés a tempo completo no centro, pois entendemos que os cativos e cativas de Dozón son tan merecedores destes especialistas como calquera outro de calquera concello de Deza ou do país".

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page