top of page

A chef silledense Eva Fares Borrajo, nova (IN)VISIBLE do mes de agosto

25 ago
4 min de lectura

Aos seus 30 anos está á fronte dos fogóns do restaurante As Garzas, en Malpica, que mantén unha Estrela Michelin e dous Soles Repsol


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda dedica neste mes de agosto o programa (IN)VISIBLES á chef silledense Eva Fares Borrajo, actualmente á fronte da cociña do restaurante As Garzas, en Barizo (Malpica de Bergantiños), un dos establecementos de referencia da gastronomía galega, distinguido cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol, entre outros.


Nacida en Silleda o 14 de novembro de 1995, Eva medrou na capital municipal e mantén tamén unha estreita vinculación coa parroquia de Breixa, de onde é natural o seu pai. Estudou no CEIP de Silleda e posteriormente no IES Pintor Colmeiro.

A súa chegada ao mundo da gastronomía produciuse case por casualidade. Ao rematar os estudos de Secundaria non tiña totalmente claro o seu futuro profesional, aínda que xa amosaba interese por experimentar na cociña. Esa curiosidade estaba tamén alimentada polos produtos e sabores que chegaban á casa a través da familia materna, vinculada ao País Vasco e Navarra, e do seu pai, camioneiro de profesión.


Eva decidiu finalmente formarse no sector, “pero daquela estaba o boom de MasterChef e todo o mundo quería adicarse á cociña”, explica. Así que primeiro, cursou Dirección de Servizos de Restauración en Vilamarín e posteriormente conseguiu o seu obxectivo de facer Dirección de Cociña, co CIP Compostela, en Santiago. Finalizou a súa formación en 2019, despois de compaxinala con diferentes experiencias laborais na hostalaría que non foron agradables.


Foi daquela cando viu unha oferta de traballo de As Garzas e decidiu enviar o seu currículo. “Nunca pensei que me foran chamar… mandei o curriculm e aquí estou”. Chamárona para incorporarse a un restaurante que xa contaba cunha Estrela Michelin. O que iba para uns meses, acabou marcando a súa vida profesional e tamén persoal. No restaurante coñeceu tamén a Xurxo Agrasar, a súa parella, con quen desde 2025 asumiu o relevo xeracional do establecemento.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Actualmente, Eva é a responsable dos fogóns e Xurxo Agrasar encárgase da adega e da parte doce, dando continuidade á terceira xeración dun proxecto familiar cunha longa vinculación coa hostalaría galega.


Unha curiosa conexión coa Festa da Empanada

E precisamente nesa historia familiar aparece unha curiosa conexión con Silleda. Chita del Río, avoa de Xurxo Agrasar, foi membro do xurado da Festa da Empanada da Bandeira no ano 1984, máis de catro décadas antes de que o seu neto e unha silledense acabasen compartindo vida e proxecto profesional nos fogóns de As Garzas.


Chita del Río foi unha figura moi vinculada á historia da hostalaría e do ocio en Galicia, como fundadora da coñecida discoteca Liberty e do restaurante Chitón, en Santiago de Compostela. Unha tradición familiar que continúa agora cunha nova xeración representada por Xurxo e Eva.


As Garzas conseguiu a súa Estrela Michelin en 2010 e mantena desde entón de maneira ininterrompida, sumando ademais dous Soles da Guía Repsol.


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que o recoñecemento a Eva “permítenos visibilizar o enorme talento dunha muller nova de Silleda que, con traballo, formación e valentía, foi construíndo unha carreira profesional nun ámbito tan esixente como a alta gastronomía”. “É especialmente bonito que Eva forme parte de (IN)VISIBLES porque representa unha nova xeración de mulleres que están chegando a postos de

responsabilidade pola súa capacidade e polo seu traballo. Hoxe está á fronte da cociña dun Estrela Michelin e faino sen esquecer nunca de onde vén”, engade Fernández Pena.


En As Garzas, Eva combina o respecto pola tradición do establecemento cunha mirada máis contemporánea. Na carta continúan preparacións históricas da casa, algunhas delas presentes desde os anos 90, como o arroz con bogavante ou a robaliza con grelos, ao tempo que se incorporan creacións da chef silledense, como peixes acompañados de pilpil de algas ou o porro confitado con salsa holandesa afumada.


A proxección do restaurante leva tamén a Eva e ao equipo de As Garzas a participar en diferentes citas e eventos gastronómicos dentro e fóra de Galicia, levando consigo unha cociña profundamente ligada ao produto e ao territorio, traballando en lugares como Madrid, Gran Canaria, París e proximamente en Portugal.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Silleda, o lugar onde “cargar as pilas”

A pesar de desenvolver en Malpica a súa carreira e o seu proxecto vital, Eva mantén intacta a relación coa súa terra. Regresa practicamente todas as semanas a Silleda para visitar á súa familia e, como ela mesma explica, “cargar as pilas” antes de regresar á Costa da Morte.


Unha historia que comezou cunha rapaza que non tiña demasiado claro cara onde encamiñar o seu futuro, continuou cun currículo enviado case por probar e cunha estadía que ía durar só tres meses, e que hoxe ten a Eva Fares á fronte dos fogóns dun dos restaurantes recoñecidos da gastronomía galega.


Con este nomeamento, o Concello de Silleda continúa ampliando o proxecto (IN)VISIBLES, destinado a divulgar e poñer en valor as historias de mulleres vinculadas ao municipio e referentes nos ámbitos profesionais, sociais, culturais e deportivos.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page