A da Cooperativa Gandeira de Botos e a da Carballeira de Cercio conseguen o segundo e terceiro galardón respectivamente
Laura Moure/Lalín
A LV Feira do Cocido de Lalín, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, ateigouse de xente porque o bo tempo, máis propio dunha xornada primaveral, tamén foi un gran punto a favor. As rúas da capital dezá enchéronse de colorido ante as comparsas e as carrozas, que como cada ano, están marcadas pola orixinalidade. E por suposto, foi un gran día para degustar o prato estrela.
O presentador de Informativos Telecinco e pregoeiro desta edición, Pepe Ribagorda, ensalzou "ante decenas de miles de persoas o valor identitario do Cocido de Lalín que "traspasa todas as épocas"", tal e como subliña o Concello. Así mesmo afirmou que “de todos os cocidos quédome co voso. Non albisco nin coñezo prato que aglutine tantos sabores, tantas sensacións ao redor da mesa”. E a verdade, que ten toda a razón, porque como un cocido galego non hai outro no mundo enteiro!
Ademais, como gran novidade deste ano Telecinco realizou o seu informativo de mediodía en directo desde Lalín para toda España presentado polo pregoeiro de excepción desta LV edición da Feira. "Esta edición da Feira, a primeira que se celebra sen restricións desde 2020, destaca polo seu carácter mediático, solidario e internacional e incorporará entre as novidades a celebración da Feira de Artesanía Alimentaria (10, 11 e 12 de marzo) coa que se dará un paso máis na difusión duns produtos autóctonos excelentes", recalca o Concello.
As gañadoras
Ao remate do desfile, o xurado, composto por xornalistas locais, desvelou o resultado do concurso de carrozas, que quedous así:
1º premio foi para a Carroza de Sello.
2º premio, para carroza Cooperativa Gandeira de Botos. 3º premio destinouse á carroza do grupo de baile A Carballeira de Cercio. 4º premio recibiuno A Carqueixa de A Veiga. 5º premio recaeu en Cabaleiros de Lalín.
Antes do desfile das carrozas e comparsas tivo lugar a Encomenda do Cocido na que ingresaron sete novas persoas: José Ribagorda (pregoeiro); Clara Rodríguez (empresaria lalinense); Valentina Díaz (presidenta da Asociación Carabelo); Xosé A. Touriñán (artista); Ricardo Luís Alfonsín (embaixador de Arxentina en España); Javier Guillén (director de La Vuelta) e Noelia Rey (presentadora do Malicia Noticias e Vaia Troula da TVG e “Premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022”).
Seguidamente o pregoeiro Ribagorda asinou no Libro de Honra do Concello e levouse a cabo a impresión das súas mans nun molde.
Commenti