top of page

A Bandeira estrea «Lección de Empanada» e brinda polo arranque da 50ª edición da súa gran festa

O mural de Yoseba MP, inspirado na coñecida “Lección de anatomía” de Rembrandt, rende

homenaxe á tradición empanadeira e á transmisión entre xeracións


Laura Moure/Silleda

A empanada elevouse onte na Bandeira á categoría de obra de arte. A vila abriu os días grandes da súa 50ª Festa da Empanada coa estrea oficial de “Lección de Empanada”, o mural realizado por Yoseba MP para conmemorar medio século dunha das celebracións

gastronómicas máis emblemáticas de Galicia. A choiva obrigou finalmente a trasladar o acto previsto diante da propia obra ao espazo de Vista Alegre, onde se deron cita representantes institucionais, membros da Asociación Amigos da Empanada, protagonistas do mural, asociacións e veciñanza.


O acto foi aberto pola concelleira de Cultura, Mónica González, que deu lectura ás palabras remitidas polo propio Yoseba MP, ausente por atoparse traballando noutro proxecto artístico. O artista explicou nelas como o encontro con Lola, unha muller estreitamente vinculada á historia da festa e premiada pola elaboración das súas empanadas practicamente desde as primeiras edicións, foi facendo evolucionar a proposta

cara a unha obra coral.

Así naceu unha escena na que Lola aparece compartindo o seu saber con varios nenos e nenas da vila, simbolizando a transmisión da tradición entre xeracións e recreando a composición da célebre obra de Rembrandt “A lección de anatomía do doutor Nicolaes Tulp”.


A escena complétase coa receita da empanada de bacallau de Lola, escrita nun lateral, e cunha media empanada que incorpora na masa a referencia ao 50 aniversario da celebración. “Porque aí está, en realidade, a verdadeira protagonista deste mural: a empanada. E con ela, toda a xente, a memoria e a tradición que fixeron posible que A Bandeira leve xa medio século celebrándoa”, sinalou Yoseba nas palabras remitidas para a ocasión.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Durante a apertura, desde o Concello agradeceuse ao artista a realización da obra e á Deputación de Pontevedra o financiamento da actuación. Houbo tamén un agradecemento especial á familia propietaria da vivenda, pola súa xenerosidade e disposición para ceder este espazo e permitir que “Lección de Empanada” pase a formar parte da paisaxe urbana e da memoria da Bandeira. O agradecemento estendeuse tamén a Lola, aos nenos e nenas retratados e ás súas familias pola súa participación no proxecto.


Da tradición á arte

O presidente da Asociación Amigos da Empanada, Manuel Cuiña, repasou durante a súa intervención o proceso de creación do mural e lembrou como xurdiu o contacto con Yoseba, destacando especialmente a súa proximidade, implicación e capacidade para coñecer á xente e trasladar ao muro a esencia da Festa da Empanada e da propia Bandeira.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Pola súa banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, puxo o acento no carácter excepcional desta 50ª edición e nunha curiosa conexión que une este ano a Festa da Empanada con algunhas das obras máis universais da historia da arte. Así, mentres “Lección de Empanada” reinterpreta a obra de Rembrandt, o cartel desta edición, creado pola deseñadora Tania Cuiña, recrea outra das imaxes máis recoñecibles da historia da arte: “A creación de Adán” de Miguel Anxo, na Capela Sixtina. “Este ano, máis ca nunca, podemos dicir que na Bandeira a empanada se eleva á categoría de obra de arte”, destacou a alcaldesa.


Paula Fernández incidiu tamén en que detrás destes cincuenta anos existe “o traballo de moitísimas persoas”, e agradeceu a todas as xeracións que contribuíron a facer da empanada unha auténtica seña de identidade da Bandeira e de todo o municipio de Silleda.


Pechou as intervencións o deputado provincial de Turismo, Jesús Vázquez Almuiña, quen puxo en valor a dimensión turística e gastronómica da Festa da Empanada, así como a capacidade deste tipo de iniciativas para unir cultura, tradición e promoción do territorio. O representante provincial felicitou á organización e á veciñanza por acadar unha efeméride tan destacada e reafirmou o apoio da Deputación a unha celebración convertida xa nun referente dentro e fóra de Galicia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O acto rematou do xeito máis acorde coa ocasión: cun brinde con viño acompañado de empanada, no que autoridades, organización, protagonistas e asistentes celebraron xuntos o arranque desta histórica 50ª edición da Festa da Empanada da Bandeira.

 

Un comezo no que tradición, memoria, gastronomía e arte se deron a man para abrir catro días de celebración arredor dunha protagonista indiscutible: a empanada.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page