A Axega mellorará a busca de desaparecidos coa incorporación dun dron subacuático
- ecosdacomarca

- hace 5 horas
- 2 Min. de lectura
O novo equipamento pode alcanzar unha profundidade de ata 300 metros en augas interiores e dispón dun brazo articulado para a recuperación ou manipulación de obxectos
Laura Moure/Xeral
A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) vén de incorporar un novo dron subacuático para a busca de persoas desaparecidas en augas interiores. Con este novo equipamento, adquirido ao abeiro do proxecto Atempo, financiado a través do programa Interreg POCTEP 2021-2027, aumentan as capacidades operativas dos recursos de emerxencias en buscas a grandes profundidades, xa que permite alcanzar ata os 300 metros de profundidade.

Ademais, dispón dun sistema de conexión mediante cable, dun brazo articulado que permite a recuperación ou manipulación de obxectos e dunha autonomía de ata catro horas, o que facilita intervencións prolongadas sen interrupcións.
Trátase dun sistema moi versátil e polivalente porque está preparado para a integración futura de novos sensores, sistemas de posición e tecnoloxías de captación de imaxe, o que permitirá ampliar as súas funcionalidades e adaptalo a diferentes escenarios operativos e necesidades de investigación.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Por iso, ademais de utilizarse para a localización de persoas, pode empregarse para outro tipo de actuacións, como a busca de obxectos que teñan que ver con algún tipo de investigación, sempre coordinada por Garda Civil ou Policía Nacional.
O novo dron subacuático ten un valor superior aos 24.000 euros e a súa incorporación responde a unha necesidade detectada en actuacións previas. Deste xeito, os equipos de emerxencias transfronteirizas poderán incrementar as súas capacidades técnicas en contornas acuáticas ao reforzar os medios dispoñibles para a busca, localización e apoio a investigacións subacuáticas.
Publicidade
Esta actuación enmárcase no proxecto Atempo, financiado a través do programa Interreg POCTEP 2021-2027, que ten como finalidade mellorar a preparación, coordinación e resposta dos servizos de emerxencias mediante a dotación de novos recursos tecnolóxicos e a cooperación transfronteiriza.
Proxecto Atempo
A iniciativa Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias (Atempo) é un proxecto estratéxico europeo enmarcado no Programa de Cooperación Territorial Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, que conta cun investimento total de 4,8 millóns de euros, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Foi certificado como operación de importancia estratéxica polo Comité de Seguimento do POCTEP 2021-2027 porque demostra que a cooperación transfronteiriza non é unha opción, senón unha necesidade estratéxica ante o desafío común do cambio climático e os riscos tecnolóxicos.
Publicidade
O proxecto implica sete entidades de tres territorios: a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) como socio líder, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Política Forestal de Castela e León, a Universidade da Coruña (Centros CITIC e CITENI), a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), a Guarda Nacional Republicana (GNR) e o Instituto Nacional de Emerxencia Médica (INEM).








Comentarios