top of page

A Asociación Veciñal Minas da Brea indica que detectou presenza de coliformes na auga xa tratada

Mentres, o Concello asegura que "a auga está baixo un control sanitario exhaustivo e, desde o martes, provén exclusivamente do manancial do Carrio"


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

A Asociación Veciñal Minas da Brea (Vila de Cruces) informa sobre unha analítica independente realizada a unha mostra de auga tomada nunha das vivendas do Poboado Mineiro de Fontao o pasado domingo na que "detectaron a presenza de coliformes na auga xa tratada". Mentras, o Concello cruceño asegura que "a auga está baixo un control sanitario exhaustivo e, desde o martes, provén exclusivamente do manancial do Carrio".


Por unha banda, a Asociación Veciñal Minas da Brea informa sobre unha analítica independente realizada a unha mostra de auga tomada nunha das vivendas do Poboado Mineiro de Fontao o pasado domingo e indica que nela se detecta a presenza de coliformes na auga xa tratada. "Nas últimas semanas varios veciños e veciñas trasladaron á Asociación Veciñal Minas da Brea a súa preocupación pola turbidez que apreciaban na auga das súas vivendas. Posteriormente, tras facerse pública por parte dun partido político a posible contaminación das augas, o Concello difundiu as analíticas oficiais achegadas pola empresa concesionaria do servizo de augas municipais nas que se

indica que a auga é apta para o consumo. Co obxectivo de dispoñer de información complementaria que permita avaliar a situación con maior precisión, desde a Asociación decidiuse enviar a analizar de maneira independente unha mostra de auga recollida nunha das vivendas do Poboado. O informe resultante indica a presenza de 7 ufc/100 ml de coliformes totais, un valor que non debería estar presente segundo a normativa vixente para o consumo da auga".


Por todo isto, dende a asociación consideran importante poñer en coñecemento este dato para que poida ser valorado xunto coa información oficial xa existente. "Agardamos que, a partir destes resultados, se realicen as comprobacións oportunas e se poida esclarecer a situación coa máxima transparencia". A Asociación quere lembrar tamén que a falta de potabilidade da auga pode ter implicacións relevantes para a saúde, tanto das persoas como dos animais. "A presenza de coliformes totais, aínda que non determina por si soa a existencia dun risco inmediato, indica unha posible contaminación de orixe fecal ou orgánica".

ree

A Asociación pide ao Concello de Vila de Cruces "que deixe de negala evidencia e que faga as actuacións necesarias para garantir a potabilidade da auga nas vivendas".


Pola súa banda, o Concello de Vila de Cruces informa de que o cambio de captación ao manancial do Carrio "xa está plenamente operativo". "Ata agora, a captación realizábase desde o río Arnego debido ás roturas na tubaxe do Carrio. Logo das diversas reparacións desta infraestrutura, desde a tarde do martes, a auga provén exclusivamente do manancial do Carrio, libre dos sedimentos que afectaban á captación anterior. Así mesmo, comunícase que nestes días se están a purgar as tubaxes da rede municipal, co obxectivo de eliminar calquera resto de acumulación de sedimentos".


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Ademais, indica que co fin de garantir a calidade da auga en todo momento, a empresa concesionaria Espina &Delfín realizou analíticas adicionais en diferentes puntos da rede, tanto en depósitos como en grifos. "Todas estas mostras foron remitidas a un laboratorio acreditado pola ENAC, tal como esixe a normativa vixente, garantindo resultados fiables e con validez oficial. Os informes recibidos confirman que a auga cumpre todos os parámetros microbiolóxicos e químicos establecidos pola lexislación. Nas análises máis recentes, a turbidez situouse entre 0,7 e 1,5 NTU, valores claramente por baixo do límite legal de 2 NTU para as augas das redes municipais".


O Concello considera necesario aclarar que a mostra difundida polo BNG "non é representativa da realidade da rede municipal, contribuíndo a xerar unha alarma social infundada entre a veciñanza. Nin sequera foi tomada por un técnico especializado nin garantindo as condicións de seguridade, o que pode contribuír á contaminación da

mostra. Tampouco se indicou con claridade de que punto procede a mostra, polo que non é posible atribuír eses resultados ao abastecemento municipal. Por outra banda, a análise encargada por eles foi realizada na Finca Mouriscade, unha entidade non acreditada pola ENAC para a realización de análises de auga de consumo humano, polo que os resultados carecen de validez técnica e normativa".


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

O goberno local insiste en que "a comunicación en materia sanitaria debe basearse en criterios técnicos contrastados, transparentes e responsables. Polo tanto, o Concello quere trasladar unha mensaxe de calma: a auga está baixo un control sanitario exhaustivo e a nova subministración permitirá unha mellora sostida e estable no tempo. Para calquera cuestión, os veciños e veciñas poden contactar directamente coa empresa concesionaria, dirixíndose á oficina do servizo de augas de Espina & Delfín en Vila de Cruces (Campo da Feira, 2)".


NOTICIAS RELACIONADAS:







Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page