A Asociación Cultural e Veciñal Melidá alerta do “perigo de desaparición” da presa da praia de Furelos
- ecosdacomarca

- 10 jul
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Melide
A Asociación Cultural e Veciñal Melidá vén de facer público o seu malestar e preocupación ante a posible actuación prevista na presa da praia fluvial de Furelos, coñecida como a presa de Don Antonio, unha infraestrutura con máis de cen anos de antigüidade e moi vinculada á memoria colectiva da veciñanza de Melide.

A entidade advirte de que esta presa, “protagonista de tantos momentos felices das nosas vidas e das dos que xa nos deixaron”, estaría en perigo de desaparecer a partir do vindeiro 1 de setembro, data na que, segundo sinala, está previsto executar unha intervención que suporía unha modificación substancial desta estrutura histórica.
PUBLICIDADE
Segundo explica, cando parecía que por fin se ía actuar para retirar os lodos acumulados na zona, un problema que leva anos afectando á praia fluvial e á calidade da auga, a solución elixida polos responsables públicos pasaría por “tirar a presa”. A asociación lembra que esta acumulación de lodos e a falta de limpeza e apertura das comportas e da canle existente derivaron en reiteradas cualificacións insuficientes da calidade da auga e, mesmo, na saída este ano da praia fluvial do censo oficial de zonas de baño.
PUBLICIDADE
En concreto, a actuación prevista consistiría, segundo denuncia a entidade, na instalación dunha comporta abatible de máis de oito metros de ancho por 1,77 metros de alto, que ocuparía máis da metade da presa actual, ademais de rebaixar medio metro a altura do resto da estrutura. Para a asociación, esta intervención suporía “destruír o noso patrimonio” e tamén “a parte máis fermosa dun entorno privilexiado”, moi apreciado tanto pola veciñanza como polas persoas que visitan a zona.
Desde o colectivo consideran que boa parte da cidadanía melidense descoñece esta situación e defenden que a veciñanza “ten dereito a sabelo”. Por iso, fan un chamamento público para frear a actuación e evitar a desaparición dunha infraestrutura que consideran emblemática na contorna da praia fluvial de Furelos.
PUBLICIDADE
A asociación insiste en que o obxectivo debe ser garantir a limpeza do espazo, recuperar a calidade da auga e conservar ao mesmo tempo un elemento patrimonial cun forte valor histórico, paisaxístico e sentimental para Melide.









Comentarios