A ANPA O Forte do CEIP Melide N° 1 solicita a exclusión deste centro do programa E-Dixgal
- ecosdacomarca
- hace 12 minutos
- 4 Min. de lectura
Sinala que foi renovado polo claustro pero que conta coa oposición das familias
Ecos da Comarca/Melide
A ANPA O Forte do CEIP Melide N° 1 demanda a exclusión deste centro escolar do programa E-Dixgal. Xa lle enviaron un escrito dirixido á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (con copia informativa ó Inspector do colexio) solicitando exclusión deste colexio do programa EDIXGAL "tras ser renovado polo claustro por 2 cursos o modelo non híbrido, pero coa oposición das familias".
No escrito expoñen que inclusión do CEIP Nº 1 de Melide no programa E-Dixgal réxese pola Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación
Profesional pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2021/22; a cal establece no seu “Apartado Décimo: Selección de centros. 1. Criterios de selección para os centros de nova incorporación e número de centros. a) A valoración das solicitudes presentadas realizarase
tendo en conta os seguintes criterios: 3) Grao de implicación da comunidade educativa
manifestado por medio do apoio recibido por parte do Claustro e do Consello Escolar: ata
30 puntos.” "En canto a esta norma dende a ANPA somos quen de afirmar que nese momento inicial o Consello Escolar apoiou o programa xa que chegabamos dunha pandemia na que apenas se puido interconectar nin seguir aulas e valoramos que o programa podía ser positivo para o alumnado. Tras estes catro anos de implementación do programa non temos claro que o apoio do Consello Escolar fose o mesmo que no momento inicial de inclusión no programa. Á vista están os resultados dos escritos de pros e contras remitidos á persoa responsable do programa E-Dixgal no CEIP para ter sidos en conta polo claustro e tamén remitido ó Inspector do centro xa no pasado curso escolar", explica o colectivo.
Este curso, apunta, que tamén se remitiu á Dirección do CEIP o resultado da enquisa que se pasou neste curso ás familias "cun claro rexeitamento ó programa; así como tamén a recolla de sinaturas en contra do programa e que representa algo máis da metade do alumnado do colexio".

Ademais "a resolución pola que se regula a prórroga no programa E-Dixgal por dous cursos académicos no noso centro segundo o seu Apartado 9º punto 3 (Resolución do 13 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se regula o proxecto Educación Dixital de Galicia (E-Dixgal) e a convocatoria para a selección de novos centros participantes para o curso 2025/26) establece nese mesmo apartado":
“No caso de que non desexen prorrogar, formalizarán unha solicitude de renuncia motivada, na que constará a aprobación do Claustro e do Consello Escolar, dirixida á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.”
Por todo o anteriormente exposto, sinala a ANPA "non nos parece de recibo que para entrar inicialmente no programa E-Dixgal se puntúe a aprobación do mesmo en Consello Escolar, para non prorrogar o programa tamén haxa que ter en conta o Consello Escolar pero, en cambio, para aprobar a prórroga non se menciona o Consello Escolar en absoluto, cando as circunstancias do apoio do Consello Escolar despois de 4 anos poden ter cambiado substancialmente. Que a citada Resolución de 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional indica no seu apartado “Sétimo. Compromisos dos centros educativos. Os centros educativos que sexan seleccionados mediante esta resolución deberán asumir, polo menos, os seguintes compromisos: f) No caso da comunidade educativa, participar activamente no deseño, aplicación e avaliación das actuacións previstas no programa.”
Neste apartado, salienta a asociación, "esíxese o compromiso do centro para que a comunidade educativa participe activamente mais no caso do noso centro isto en ningún caso se cumpriu por parte do centro xa que o colexio non tivo en conta ó resto da comunidade educativa (nin alumnado nin familias nese deseño, aplicación e avaliación. Que tamén establece dita Resolución o apartado “Décimo primeiro. Avaliación. O incumprimento das condicións e dos compromisos recollidos nesta resolución poderá
ocasionar a exclusión do centro do proxecto.”
Polo exposto, a ANPA solicita:
Publicidade
A exclusión do CEIP nº 1 de Melide do proxecto EDIXGAL "por incumprimento do Apartado 11º da Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2021/22 co aval do rexeitamento ó mesmo por parte das familias as cales non foron tidas en conta para nada dende o colexio nin directamente, nin a través da ANPA e nin tan sequera puideron ser escoitadas a través dos seus representantes en ningún Consello Escolar previsto para iso".
"As familias sentímonos ninguneadas por parte desa Consellería por non prever na normativa o preceptivo estudo da continuidade ou non no Consello Escolar e tamén polo colexio por non ter escoitado a opinión nin a voz das familias. Por tanto, de non acadar o obxectivo da exclusión do proxecto EDIXGAL do noso CEIP, seguiremos adoptando as medidas pertinentes para trasladar este atropello ante o Valedor do Pobo Galego así como ante a sociedade en xeral. As normas non so teñen que estar no papel se non que están para cumprilas".
E a ANPA sinala que espera obter unha resposta con data límite o venres, día 13 de xuño de 2025 ou, en caso contrario "comezaremos con outras accións para acadar o que consideramos xa que as familias tamén somos parte importante da comunidade educativa e merecemos ser escoitadas".
Máis información de E-Dixgal: http://www.edixgal.com/
Comments