top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A Anpa A Santaia do CPI Fonte Díaz (Touro) denuncia recortes de profesorado para vindeiro curso

Esixe que a Consellería de Educación dote ao centro dos recursos humanos precisos para atender as súas necesidades


Ecos da Comarca/Touro

A Anpa A Santaia do CPI Fonte Díaz (Touro) denuncia recortes de profesorado na adxudicación docente para o curso 2024-25. "Segundo comunica a dirección do centro, perden un segundo mestre de inglés que o curso pasado completaba o horario da mestra definitiva que, ademais, asume a xefatura de estudos de primaria. Deste xeito, a Consellería de Educación pretende que esta mestra imparta 19 horas de docencia, polo que debería renunciar a 2 das 6 horas de redución que lle corresponden para a realización de tarefas propias do cargo que desempeña (xefatura de estudos de primaria)".

Esta situación, sinala, provoca o recorte de 3 horas de ensinanza plurilingüe na etapa de infantil, e outras 6 en primaria. "Vivimos nun mundo globalizado, no que o coñecemento de idiomas é unha ferramenta imprescindible, e consideramos un agravio que o alumnado do rural non conte coas mesmas oportunidades que os das cidades. Se pretendemos un rural vivo, o noso alumnado debe ter acceso a un ensino de calidade, dotado de recursos suficientes".


Publicidade

Ademais, o centro non conta con profesorado de primaria con horario dispoñible para a realización de apoios dentro das aulas e atención á diversidade. "É evidente que, o alumnado con dificultades educativas ten máis posibilidades de acadar bos resultados cunha atención máis personalizada. Cremos fundamental atender a diversidade e as necesidades individuais de aprendizaxe".


Ao mesmo tempo, apunta, que "varios períodos de garda quedarán desatendidos ao non haber profesorado suficiente, co trastorno de xestión e organización que isto tamén supón no día a día do centro. O CPI Fonte Díaz acolle alumnado de infantil, primaria e secundaria. Se os periodos de garda non están ben atendidos, é moi posible que xurdan problemas de convivencia entre o alumnado. Ademais, o alumnado das etapas inferiores precisan de supervisión constante".

Publicidade

Ante esta situación, a Anpa A Santaia esixe que a Consellería de Educación dote ao centro dos recursos humanos precisos para atender as súas necesidades. "Doutro xeito, isto suporía unha precarización das condicións laborais do profesorado e, inevitablemente o empeoramento na atención educativa que reciben as nosas fillas e fillos".



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page