A Alcaldía de Arzúa logra desbloquear unha situación urbanística enquistada durante máis de tres décadas
- ecosdacomarca

- hace 15 minutos
- 4 min de lectura
O TSXG declara a imposibilidade material de executar a demolición da sexta planta do edificio da Avenida de Lugo nº 2 e libera o Concello da obriga de executar subsidiariamente a sentenza de 1991
Ecos da Comarca/Arzúa
O Concello de Arzúa vén de dar un paso decisivo para poñer fin a unha situación urbanística que se prolongaba desde hai máis de 35 anos. A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, mediante Auto nº 134/2026, de 3 de setembro, declarou, a instancia do Concello, a imposibilidade material de executar a sentenza ditada pola propia Sala o 29 de xullo de 1991, pola que se ordenaba a demolición da sexta planta do edificio situado no número 2 da Avenida de Lugo.
A resolución xudicial supón un éxito da xestión da actual Alcaldía, que decidiu afrontar con determinación un asunto que levaba décadas enquistado e que afectaba directamente ás persoas residentes no inmoble e aos negocios situados no mesmo. Para facelo, o Concello promoveu un traballo xurídico e técnico rigoroso, co obxectivo de achegar ao órgano xudicial todos os elementos necesarios para acreditar a realidade actual do edificio e a imposibilidade de levar a cabo unha demolición parcial sen poñer en risco a súa estabilidade.

O propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sinala no seu Auto que o conxunto dos informes técnicos achegados polo Concello “avala a conclusión de que se acreditou unha situación de imposibilidade material da execución de sentenza, en canto non é viable tecnicamente a demolición parcial do edificio, sen comprometer seriamente a súa estabilidade e sen provocar un grave risco de colapso”.
Deste xeito, o traballo desenvolvido polo Concello e polo seu equipo xurídico permitiu desbloquear unha situación que permanecía pendente desde 1991 e ofrecer unha solución xurídica a un problema que fora pasando de corporación en corporación sen que as sucesivas actuacións municipais conseguisen poñerlle fin.
Para a Alcaldía de Arzúa, a decisión do TSXG representa, polo tanto, unha mostra de que o traballo serio, constante e rigoroso permite afrontar e resolver problemas complexos, mesmo cando estes levan décadas sen solución.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, mostrou a súa satisfacción pola resolución xudicial e destacou especialmente o esforzo realizado polo actual goberno municipal para abordar unha cuestión de enorme complexidade xurídica e técnica.
“Estamos ante un asunto que levaba máis de tres décadas enquistado e que afectaba a moitas familias de Arzúa. Desde esta Alcaldía decidimos non resignarnos a que seguise sen solución e puxemos en marcha un traballo rigoroso, tanto desde o punto de vista técnico como xurídico, para atopar unha saída dentro da legalidade. Hoxe podemos dicir que ese esforzo deu os seus froitos”, sinalou Carril.
O alcalde quixo poñer en valor especialmente o traballo desenvolvido co equipo xurídico que acompañou o Concello neste proceso, así como a elaboración e achega dos informes técnicos que finalmente permitiron acreditar ante o Tribunal a imposibilidade material de executar a demolición nos termos establecidos hai máis de tres décadas.
PUBLICIDADE
“Non era un problema sinxelo nin había solucións rápidas, pero esta Alcaldía decidiu afrontalo de fronte, estudar todas as vías posibles e traballar con especialistas para defender os intereses do Concello e, ao mesmo tempo, dar resposta á situación das persoas afectadas. O Auto do TSXG confirma que o camiño seguido era o correcto”, engadiu o rexedor.
A resolución xudicial ten ademais unha consecuencia de especial relevancia para as arcas e a xestión municipal: o Concello queda liberado da obriga de executar subsidiariamente a demolición ordenada na sentenza de 1991, ao quedar acreditada a imposibilidade material de realizar a actuación sen comprometer gravemente a estabilidade do inmoble.
Unha solución a un problema herdado
O Concello considera que este Auto permite pechar unha etapa de incerteza que se prolongou durante sucesivas corporacións municipais e que condicionou durante anos a situación dun edificio no que residen numerosas persoas.
A Alcaldía salienta que a solución acadada non é froito da improvisación, senón do traballo desenvolvido durante os últimos tres anos para analizar o expediente, estudar as posibilidades xurídicas e técnicas e defender ante os tribunais a posición do Concello.
Ao mesmo tempo, o alcalde subliñou que o caso debe servir tamén como aprendizaxe para o futuro e reiterou o compromiso do Goberno municipal que dirixe cun control rigoroso das actuacións urbanísticas, coa finalidade de evitar que situacións semellantes volvan producirse.
PUBLICIDADE
“É importante mirar cara adiante, pero tamén aprender do acontecido. Este caso demostra a importancia de facer un control urbanístico rigoroso e de actuar con responsabilidade desde o primeiro momento. O que non podemos permitir é que problemas urbanísticos se convertan en conflitos que duren décadas. A nosa obriga é traballar para evitalo e, cando xa existen, buscar solucións”, concluíu Xoán Xesús Carril.
O Concello de Arzúa valora, en definitiva, o Auto nº 134/2026 como unha resolución histórica para o municipio, que permite poñer punto final a un dos asuntos urbanísticos máis lonxevos e complexos pendentes no Concello e que evidencia o resultado do traballo impulsado pola actual Alcaldía para dar resposta a problemas que se viñan arrastrando desde hai décadas.








Comentarios